Hai xustificacións que desautorizan a quen as utiliza. Compartir un interese pode facilitar chegar a acordos. Pero non todos os intereses teñen a mesma lexitimidade, nin perseguen o mesmo obxectivo. Escoitamos nestes días terminoloxías que semellaran ser máis simples inventos polisémicos, ou xogos semánticos que tratan de xustificar o inxustificable, que outra cousa.
Repartos temporais de anos de goberno que só teñen sentido concibidos coma ocupación do poder, nunca coma instrumento para mellorar a sociedade. Hai pretensións que semellaran ser simples saídas de pata de banco. Intentos á desesperada de estar a calquera prezo.
As tres dereitas demostraron, novamente que son unha e trina. Sen velos nin caretas. Nunca hai dúas respostas exactamente iguais a preguntas similares. Nin tampouco motivacións que argumenten seriamente, máis alá de dúas ou tres causas en que ancorar o punto de apoio, para mover o mundo. O importante está en saber en que dirección queremos cambiar ese mundo.
O punto de partida, o alfa de todos os inicios, estará en saber se compartimos orixe e temos claro o destino a alcanzar. Para iso están as ideoloxías. As de verdade, as das ideas que senten e transforman as realidades e aos pobos.
Nunca choverá a gusto de todxs, é evidente, pero hai cousas que teñen máis sentido; incluso agrupacións naturais que contan con toda a lóxica argumentativa, e incluso co apoio emocional preciso, que todo o xustifica. Ás veces as cousas encaixan ben, e a sonoridade dese encaixe, produce a sensación positiva de que todo quedou esencialmente ben feito.
Foi sentir o galope do tempo nos sentidos –dixo El– e a vida tornouse etérea e mesmo fráxil... Acaso un amago de exceso fuxidío, ou un desmaio de afecto aletargado... acaso unha anuencia resignada...