BLATARISMO CONSENTIDO

|

Retomo o manifesto do foro Luzes de Galicia (1998), no que un amplo colectivo de persoas denunciabamos o caciquismo de novo cuño, ese no que tan a gusto se sentiu durante os últimos vinte anos o dimitido José Luís Baltar. “O conservadurismo local ten atopado na trama gobernamental, e apoiándose nas súas maiorías absolutas, unha maneira de racionalizar, centralizar e modernizar aquel vello caciquismo que non só marcou a Historia de Galicia senón que, unha e outra vez, condenou a súa sociedade ao inmobilismo, ao bloqueo das súas posibilidades”. Vendo en que deu ese largo periodo de poder á fronte da Deputación –a provincia de Ourense é unha das de menor renta per cápita de España e padece un dos máis alarmantes índices de desertización poboacional–, non é difícil demostrar que o que entón enunciabamos en formato de denuncia pública ten no chamado “baltarismo” a súa máis acaída constatación.
Con esta dimisión, máis que anunciada a partir do titánico esforzo en gañarlle o congreso provincial de 2010 a Núñez Feijóo, desaparece o penúltimo bastión dunha maneira de entender a política que desafía os máis extremosos baremos de nepotismo, clientelismo e patrimonialización do público. Utilizou para iso unha política de obras e contratación que alguén definiu como unha sorte de acupuntura electoral para activar o fluxo das lealdades e entalar os descontentos. Sen importarlle a estratexia rexeneracionista do PP de Rajoy cando buscaba contraprogramar á desesperada as desmesuras corruptas que o hipotecaban por Valencia, Castellón e Baleares. A de Baltar sempre foi unha corrupción branca, aquela que non ten nas tramas organizadas nin nos Don Corleone nacionais o seu modus operandi, senón na arañeira de lealdades que veu tecendo sen disimulo. Unha especie de Padre Padrone que, posesionándose da casona/finca institucional,  traduce en poder persoal todo o que sae dela.
Velaí o atinado da súa propia autodefinición como “un cacique bo”. Un político átono, sen máis ideoloxía que a que lle vén urxida pola árbore á que se enganchou cando el e Vitorino Núñez eran Centristas de Galicia. Por aquelo de ocupar sitio e de impedir que outros –Fraga Iribarne nos case dezaseis anos de reinado, Feijóo no que leva á fronte do PPdeG–- se fixeran con el. Hai que recoñecerlle certas cualidades innatas, entre elas a de posuir un fino olfato que detectaba con inusitada rapidez os descontentos e as necesidades, que superaba a base de comprometer con altas e custosas doses de populismo, cando non de paternalismo, á institución provincial. Velaí a sobreabundancia en absoluto xustificada de persoal –nada menos que un milleiro de traballadores a soldo, a maior parte familiares de alcaldes e concellais do PP–.
Por moito que nos pareza unha desnaturalización democrática, a sustitución cuase dinástica en beneficio do seu fillo entra no guión. O que desde hai vinte anos escribiu a proba de calquera intromisión. O que padeceu a provincia nas súas carnes desnutridas e avelladas. Sen que os que agora avogan polo rexeneracionismo –e o propio Fraga Iribarne, antes– o impuxeran nese territorio comanche. Aceptárono a cambio dos votos que sempre necesitaron para gobernar o país. Feijóo terá que continuar pagando por eses votos o prezo de consentir que a provincia máis rural siga condenada ao inmobilismo. Porque o de “ir cara o caciquismo cero”–en palabras de Baltar Blanco– non o cre nin el.

BLATARISMO CONSENTIDO