CRmanía

|

Non serei eu quen poña en dúbida os moitos valores positivos que, como calquera outro deporte, ten o fútbol. O que non podo aturar é o endeusamento, fóra de toda medida e razón, dalgúns futboleiros. Que CR7 é un bo xogador non ten discusión pero de ai ata esta loucura desatada en Portugal, e mesmo en España, en torno a súa figura co gallo da copa de Europa, hai unha morea de matices. Pola historia do fútbol pasaron moitos xogadores de tanta sona e aínda máis que o Cristiano Ronaldo, sen chegar nunca ao papanatismo colectivo que desperta este home. Tede en conta que eu son dos tempos de Iriondo, Venancio, Zarra, Panizo e Gaínza.
Eu teño para min, e creo que non son o único que pensa así, que Portugal, flamante campión da Eurocopa con todo merecemento, non houbera acadado este galardón si CR7 non se houbera lesionado. Isto que pode soar como unha herexía aos ouvidos dos seus seareiros, ten unha explicación: A retirada do campo por lesión da súa figura sobranceira serviulle a selección lusa de revulsivo. E aquí radica o gran mérito do equipo portugués, que soubo sobrepoñerse a adversidade e cunha total entrega de tódolos xogadores, un porteiro en estado de gracia e a magnífica estratexia e artellamento do partido por parte do seu adestrador, acadou unha xesta so comparable a batalla de Aljubarrota (1385).
Volvendo a CR7, son impresentables titulares tales como Cristianismo, así con grandes letras, en certo periódico deportivo de ámbito nacional, disque o diario máis lido en España. Paréceme excesivo, ramplón, irreverente e fóra de lugar. Abonda xa de tanto ditirambo e gabanza esaxerada, o que leva a este home a crerse o centro do mundo. Por iso eu quero recordarlle dende este apunte, aquela locución latina que reza: ”Memento homine quia pulvis est et in pulvis reverteris” e aqueloutra frase dunha película que dicía en castelán: “Cuanto más alto subas, más dura será la caída”.
De tódolos xeitos, meus parabéns ao país veciño vixente campión de Europa!

CRmanía