Cando se achega o mes de maio a liberdade de prensa soe tomar vixencia porque aquí, en Ferrol, ten lugar o acto central da entrega do premio “José Couso”, que ten que ver con iso, a un profesional do xornallismo que acredite suficientes méritos para merecelo. Este ano o galardón foi para o xornalista Xosé Hermida, correspondente do diario ”El País” en San Paulo. A decisión se establece por votación entre os asociados do Colexio de Xornalistas de Galicia e os socios do Club de Prensa.
Esta comisión é o máximo órgano de decisión do premio e o resultado non admite recurso algún.
Malia isto é loxico e natural que non todo o mundo estea de acordo coa decisión dos votantes e aparezan algunhas discrepancias: que si sería mellor este, o outro ou o de máis alá.
Nunca chove a gusto de todos, algo que cumpre ter en conta, pero tampouco convén esquecer o que din as bases do premio que, no seu primeiro apartado especifica: o premio recoñece o traballo dunha persoa ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa o unha salientable traxectoria profesional libre e independente.
Xosé Hermida, na súa alocución posterior á entrega do premio salientou que el non era un xornalista mediatico, que non estivera cubrindo ningunha guerra, que non formaba parte do elenco das primeiras espadas niso de estar no ollo do furacán pero que levaba unha longa traxectoria no empeño de contar, e en certa medida fiscallizar, o que fan aqueles que teñen incidencia no devir das nosas vidas, rexistrando o que realizan pero, o que é máis esencial, intentando expor o que ocultan, que moitas veces son cousas ben importantes. Isa, segundo el, é a labor fundamental do xornalista e por iso quizais os seus compañeiros consideraron que era merecente deste recoñecemento.
Á pregunta de se hai liberdade de expresión, que é diferente a liberdade de prensa, a resposta podería ser si, pero o caso e que a podas expresar na escrita porque iso vai depender da liña editoral da compañía para a que traballas que está suxeita a certos compromisos ideolóxicos e comerciais.
Por iso é tan difícil manter o tipo, o código ético, niso de contar cousas na prensa. O xornalista moitas veces vése abocado a empregar a autocensura en aras de non perxudicar á empresa e xa que logo está condicionado, vive nunha liberdade conculcada, secuestrada por intereses contrarios a informmar en liberdade.
Uns o levan mellor ca outros e aí está onde é necesaria a selección dos xornalistas candidatos ao “Premio Couso de Liberdade de Prensa”, pois no grupo dos xornalistas íntegros, non caben todos.
No acto do pasado xoves no teatro Jofre, houbo moitos xornalistas que estiveron arroupando a Xosé Hermida, o cal é significativo porque efectivamente son os compañeiros que deciden mediante votación entre varias candidaturas quen é o que resulta premiado.
Por iso Xosé Hermida estaba tan contento de entrar na lista dos, ata o de agora, trece galardoados con este recoñecemento.