GALEGOS EN ALENMAR

|

Sen ánimo de querer facer un monográfico sobre a cuestión migratoria galega, mais si co propósito de complementar a visión que ofreciamos hai dúas semanas sobre a diáspora galega ao sur do Miño, velaquí outra breve aproximación, acerca, agora, da que cruzou o Atlántico para tomar asento por terras americanas. É coñecido que Bos Aires e A Habana constituíron de ben cedo as dúas grandes urbes ás que arribaban os barcos de distintas navieiras con esas moreas de paisanos de que tanto se ten falado e escrito (Rosalía, Curros Enríquez, Castelao...). Ás veces con certos tintes laudatorios, outros simplemente descritivos, pero, na maior parte dos casos, denunciando a crueldade do feito migratorio en si, marcando o fracaso do papel do Estado que non daba solución a tan inxusta sangría.

O inmenso fluxo de galegos que entre os séc. XIX-XX se embarcaron para achar traballo en América ten dado lugar a que o vocábulo “gallego”, en toda Sudamérica, resulte ser sinónimo de “español”, tanto se é orixinario de Murcia, de Andalucía como de Aragón. En resumidas contas, todo español, en sentido xenérico, será designado como “gallego”, así o sexa ou non. Mais tampouco haberá de ser a única acepción que tal voz teña. A que máis nos podería contrariar é aquela que ten que ver co significado de persoa boba, estúpida ou sen intelixencia, dando pé, mesmo, a un amplo repertorio de chistes vexatorios.

O BNG presentara en 2006 unha proposición non de lei para que se eliminasen do dicionario as acepcións en que este xentilicio aparecía como sinónimo de “tonto”, usado en Costa Rica, e “tartamudo”, en El Salvador. Tanto unha como outra foron retiradas grazas á suxestión de académicos dos países aludidos, argumentando, ademais, que tales usos estaban xa en desuso de había tempo. O académico Pérez-Reverte terzou, porén, sobre esta cuestión, alegando que a misión do “Diccionario de la RAE” era a de plasmar a realidade da lingua española, e non a de acabar cos prexuízos. Xa antes outro académico, Cela, conseguira eliminar en 1992 outra acepción que perduraba desde 1936 para “gallego”, isto é, a de “mozo de cuerda”, tan anacrónica como as outras.

A idea da falta de luces, de rudeza e até de avaricia que se ligou tradicionalmente ao emigrante galego nestes países está asociado, sen dúbida, á condición de pobreza dos que alí chegaban, alén da orixe rural, pois a maioría mal falaba o español, o que irá en detrimento do concepto que dito grupo social vaia adquirindo ao longo dos anos. Os traballos que desenvolvían eran de baixa cualificación, e das condicións de vida, p.e., nos famosos ‘conventillos’ bonaerenses (casas de veciñanza pobres con moitos cuartos en aluguer) fican testemuños dos emigrantes máis pobres, que podían escoller entre dúas opcións para durmir: ou o sistema de ‘cama quente’, alugando o leito en turnos rotativos; ou a ‘maroma’, sogas que se pasaban por debaixo das axilas, e fixadas ás paredes á altura dos ombros, para poder durmir de pé.

Mais a honradez e a tenacidade, así como a lealdade, son trazos tamén, neste caso positivos, que prevalecen con relación ao emigrante galego.

Cada familia de clase acomodada aspiraba a ter unha galega como criada, a cal permanecía coa mesma familia até o momento en que chegaba a casar co seu Manoel ou, no mellor dos casos, puidese regresar á terra. O impulso asociativo, a creación de centros galegos e os hospitais de beneficiencia para os emigrantes, foron das primeiras iniciativas que levaron a cabo. O emigrante soubo labrar unha educación no lugar en que se asentou, achándoa nestes centros e escolas fundadas. Pero, sabendo das penurias dos que na terra estaban, enviou cartos para o pagamento das contribucións e a eliminación das rendas forais, para a adquisición de terras e gado, para incentivar diferentes tipos de industrias... e tamén para crear escolas, as famosas escolas de indianos en que formar os nenos aos que o Estado non lles dera tal oportunidade.

A distancia forxou o mellor deste ser que, con ese horizonte espacial, comprendeu o sentido máis fondo das raíces, fornecendo elementos materiais, e espirituais a moitos que na terra ficaban. Esa sorte de personaxe mitolóxico que dixera A. Carpentier en “El Camino de Santiago”. Ese home baixado do barco no porto da Habana, vestido de boina, alpargatas e pantalón de pana, e que tan dura se lle faría a aclimatación, cargado de morriña, e diana fácil das burlas do ‘criollo’. Mais ao se facer socio do Centro Galego e vestir o seu primeiro traxe branco, sucedía a transformación. Ao pouco frecuenta a Tropical para dar os pasos dun danzón, e failles as beiras ás mulleres, sobre todo de pel semiescura, e, máis tarde, acode ao Teatro Alhambra para rexoubar con sainetes bufos en que os galegos son motivo de chanza por parte da mulata aloumiñeira ou o negriño astuto. A simbiose, en suma, resultara perfecta, a deste ser mitolóxico plasmado e a quen a epopea, a narración aínda non escrita, está á espera de quen a escriba.

GALEGOS EN ALENMAR