DOS ANIVERSARIOS TRISTES

Por máis que pase o tempo, hai aniversarios que seguen deixando un fondo pouso de tristura. Foi como abrir os ollos a unha realidade da que algo sabiamos pola prensa e televisións, pero que semellaba non ter nada que ver coa nosa realidade cotiá. Descubrimos de golpe a vulnerabilidade colectiva. E que calquera, pode ser vítima das terribles maquinacións de persoas, que teñen a deshumanización coma única bandeira. Por moito que digan falar en nome de non sei que deidades, a verdade das súas accións é o impacto brutal dun proxecto de odio e salvaxismo , no que todos somos carne de canón para sementar  o terror e o medo indiscriminadamente. 
Foi cando descubrimos tamén a cara amarga da manipulación política e informativa. Aznar, daquela Presidente, fixo un plantexamento simple: se foi ETA gañamos as eleccións, pero se foi atentado yihadista, seremos vencidos amplamente. Todas as maquinarias foron postas en funcionamento, para traballar en convencer a sociedade, daquelo de que os autores da masacre, non estaban nas montañas nin nos desertos. Despois empezou todo aquilo de separar ás asociacións de vítimas en grupos diferentes segundo afinidades etc. A xestión dunha traxedia que sabemos, puido ser manifestamente mellorable. Pero nestes días, nos que a dor pola barbarie, asoma novamente, debemos instalar definitivamente a cordura, a unidade política e traballar na dirección de debater no Congreso as medidas a tomar na política internacional. Xusto o que un Rajoy en funcións non fai. Ante a gravísima problemática do encargo, multimillonario e antisocial, da UE a Turquía, contra os refuxiados, non convoca ao Congreso. E di que non está obrigado a comparecer, nin a dar explicacións. Nos aniversarios tristes, comprobamos que, tristemente, algunhas cousas non cambiaron.

DOS ANIVERSARIOS TRISTES

Te puede interesar