Verde pradeira

|


A d´A Malata está murcha últimamente. O que nos ten moi apenados aos seareiros do vello Racing, que lonxe de ollar para o periquito da táboa andamos a mirar para os postos que levan ao inferno de Terceira. E iso, claro, non pode ser. Porque en dous anos, o 19, imos ser centenarios, e o seu sería festexalo en Segunda. Que a nosa categoría é esa, a de Prata, cal corresponde a unha cidade como Ferrol, Prata Vella, metal que propoñía Pitt, aquel ministro inglés, para arrodeala. Eu non sei o que está acontecendo esta tempada, para disgusto noso e –aí me doe, de puro querelo como amigo desde hai medio século- do presidente do Racing, Pepe Criado. Racinguista íntegro, coherente e con solera; o máis axeitado para presidir as celebracións do centenario. Agora o Racing ten novo propietario, o señor Rivera, de caste cervexeira, e comprometido, aínda non sendo de aquí, con Ferrol. Estou seguro de que este filántropo sabe o que ten diante súa. Un presidente humanista e unha torcida de Primera. Agora falta tan só que os xogadores se comprometan que a pelotiña entre e que as verdes pradeiras reverdezan. Por Manitú. Ou –se cadra– pola Virxe de Chamorro, que os racinguistas somos tan sincréticos e básicos nas nosas crenzas como ese artefacto esférico que se nega este ano a entrar no portal alleo. Compre xa que o faga. Rotundo e elegante. Cal o noso primeiro equipo, verde da máis nobre esperanza. ¡Opa Racing!

Verde pradeira