MANOLO ESCOBAR

|

No meu logo camiñar polas vereas, moitas veces tortuosas e fragosas da música, non coincidín nunca con Manolo Escobar malia ter visitado este moi a miúdo Galicia e as táboas dese programa incombustible que se chama “Luar”. Pero guste máis ou guste menos, Manolo Escobar puxo banda sonora a todos aqueles que xa superamos o medio século de vida. Estaba en todas partes: nas salas de cine, en todas as emisoras de radio e na TV en branco e negro cando a TVE era a mellor televisión de España. Confeso que non cheguei a ver ningunha das súas películas, pero inevitablemente o “Porompompero”, “Mi Carro”, “Madrecita María delCarmen” , “A Minifalda” e coma non “Que viva España” non nos deixaron ata hoxe.
Agora que Manolo Escobar xa non está, logo de 82 anos de vida e de cincuenta sobre os escenarios, vanse dicir moitas cousas del, a maioría boas coma é lóxico e natural nestes casos, e non serei eu quen poña en tela de xuízo a súa dimensión humana nin tan sequera o seu talento artístico, que o tiña, abofé. Polo que din os que estaban máis preto del, era moi boa persoa, amigo dos seus amigos, solícito a axudar a aquel que o precisaba e sempre con ese sorriso que o caracterizou. Levou con suma discreción a súa vida privada, cousa moi pouco normal na xente da farándula neses tempos que corrían e corren.
Pola miña parte confeso que non fun seareiro de Manolo Escobar: tiven máis achegamento cara a outros cantantes da “copla” coma por exemplo Carlos Cano pero nisto, coma noutras facetas do arte, para gustos píntanse as cores. O que é indubidable é que Manolo Escobar representou un fenómeno social coma poucos nisto do mundo da canción. Din algúns que simbolizou quizais un machismo “civilizado” un tanto afastado do que prevalecía na última década do franquismo onde comezaba a acurtarse un pouco a roupa feminina. “No me gusta que a los toros te pongas la minifarrda...”. O diría por recato, por fuxir da imaxe da muller-obxecto  ou por machismo puro e duro e pouco pulido...? quen sabe. Manolo Escobar movíase na ambivalencia que representa o home e a icona. Polas súas obras o coñeceredes e cincuenta anos ininterrompidos pisando os escenarios dan para moito e máis.
E logo está “Que viva España”, case un himno que a xente adoptou e que se interpreta a “todo pulmón” segundo se presenta a ocasión en cada evento lúdico-festivo ou deportivo, unha canción que, dito sexa de paso foi composta por un par de belgas que ninguén coñece. Dicir “Que viva España” é dicir Manolo Escobar e punto. Pero a mensaxe implícita pode estar no seu tema “Mi Carro” que lle lo roubaron cando durmía e estando de romaría. Un carro que Manolo Escobar non dou atopado malia ter berrado aos catro ventos: onde estará o meu carro?Glosando a David Torres, un columnista ao que leo ás veces, quizais “Mi Carro”, botándolle imaxinación e un pisco de sorna, garde un anaquiño de protesta social. Imaxinen por un momento que o carro fose España, un carro que nos roubaron a todos namentres durmíamos, un carro que buscamos desesperadamente e que non damos atopado. Manolo Escobar foise sen achalo. Quizais nós algún día podamos dar con el. Polo de pronto xa temos  algunha pista sobre os expropiadores que pode dar o seu froito. A ver se o/a recuperamos.

 

MANOLO ESCOBAR