UN PERFIL POLÉMICO

Dá Paco Vázquez o perfil que precisa o Defensor del Pueblo nas circunstancias actuais? Contribuiría a incrementar a credibilidade e a confianza democrática dunha institución que nos últimos anos se moveu con criterios máis ideolóxicos, e legalistas, que cívicos? Neste senso, que a elección volva recaer sobre un significado membro do principal partido da oposición, como en tempos de Aznar sucedera co ex ministro socialista Enrique Múgica, non despexa dúbidas. Porque foi precisamente este último quen máis desafiou e tensionou a institución, abandeirando posicionamentos dificilmente compatibles co grao de independencia e imparcialidade que se lle demanda a quen ten por principal cometido unha función mediadora. Non se lle pide neutralidade a quen debe estar sempre a prol das causas xustas, pero si imparcialidade, sen deixarse levar por prexuizos, e tomando iniciativas congruentes cos dereitos individuais e colectivos nos que se fundamenta o Estado democrático.

A Vázquez promóveo o PP para ese posto desde moito antes de asentar Rajoy na Moncloa. Ten a súa lóxica. Non arriscan nada e amosan “bo rollito” institucional. Pertence a unha das tendencias máis liberais do socialismo español, pese ao cal non deixou de contar nunca co apoio dos “guerristas”, contradición que unicamente se pode explicar polo xacobinismo que profesan, sobrepoñendo ese denominador común, o factor político que os une, ao diferencial ideolóxico que os debera distanciar. O ex alcalde, que marchou para Roma no peor momento da súa intensa e sempre contraditoria traxectoria política, nada ten en común cos ideólogos da Fundación Sistema, nin cos editores da súa revista Temas para el Debate, a torre vixía desde a que Alfonso Guerra e os intelectuais da ortodoxia socialista veñen marcando distancias ideolóxicas de calado. Pero si coa teima restauradora da España única, e do discurso único, como abertamente demanda Rubalcaba.

Velaí por que a prensa coruñesa afirmaba onte que a candidatura de Vázquez para Defensor del Pueblo seguía á cabeza das preferencias de Rajoy, e que o actual secretario xeral do PSOE non lle poría atrancos. Nin sequera polo papel que, como fillo que se proclama da Igrexa de Roma, e como fidel cumpridor das doutrinas que en tantas ocasións forzan a confrontación entre a moral católica e a moral pública, pode acabar xogando en contra dos obxetivos que o propio Rubalcaba se marcou no congreso de Sevilla. Se se comprometeu a profundar no laicismo, en línea coa nunca cumprida aconfesionalidade do Estado, e tamén a remover as augas do Concordato co Vaticano no caso de que o goberno do PP seguise na estratexia contrarreformista que en relación con diversos dereitos conquistados lle esixen a xerarquía da Igrexa e os seus influíntes movementos ultras, é precisamente porque sabe que é por esa vía como o PSOE pode recuperar en boa medida a credibilidade dos seus votantes tradicionais.

Porén, independentemente da mala inversión que pode supoñer para o partido, o que a tódolos demais nos importa é se con ese perfil, que tampouco cubre o ámbito de coñecemento do que por lóxica deberan proceder os defensores do pobo, e con esas obediencias, Paco Vázquez poderá desempeñar coa independencia e a imparcialidade requeridas ese altísimo cargo institucional. Non o parece. As hemerotecas tampouco dan para pensar o contrario.

UN PERFIL POLÉMICO

Te puede interesar