BOTELLA

|

Pois xa temos á fronte do Concello de Madrid a dona Ana Botella, fiel representante da ideoloxía “neocon” á española. Isto é cheiriño a “cocidito madrileño” na escaleira popular, máis Galdós aínda que John Updike, e o “pijerío” a pasear por “zona nacional” á sombra de Carmen Lomana (¿ou era Lamona?), a que dicía que quen sufre a crise son os ricos, porque non están afeitos a cousa tan ordinaria. Ah, mais dona Botella deu coa fórmula maxistral para que o concello que preside aforre bibliotecarios e monitores nas instalacións deportivas.

E vai a dama e convida aos madrileños a presentarse voluntarios para choios tan precisos como estes. De válvula ou clocló, lástima fora, aforrándolle ao Concello bos cartiños e destruíndo de paso postos de traballo. O argumento é que tendo estes traballos valor social a cidadanía debe de sentirse moi orgullosa de cumprimentalos. De balde, por suposto. A mín isto non deixa de lembrarme o comezo do “Tom Sawyer”, de Mark Twain, cando este convence a Huck e Sid do divertido que é pintar a cerca que lle encomendou (por castigo) tía Polly, e consigue que os seus amigos fagan por el o traballo, dándolle por riba algúns dos “tesouros”.

Mark Twain, o que dixera que os banqueiros os eses señores que nos prestan o paraugas cando fai sol e que piden que llo devolvamos ao comezar a chover. Algo así a Botella, tan “salada” como a ideoloxía que representa.

BOTELLA