NOVAS ELECCIÓNS

|

A situación actual da política está levando ao noso país a un desgoberno de difícil solución cunhas consecuencias catastróficas para a economía e para o emprego, como xa estamos a ver. Os lideres políticos, principais protagonistas, aferrados a xenreiras e ambicións persoais, non son capaces de se por de acordo despois de máis de sesenta días transcorridos dende o 20 D, mareando a perdiz.
O PP, con 130 asentos, gañador das eleccións, está cada día máis desacreditado pola corrupción que non cesa. O PSOE, con 90 asentos, en horas baixas despois de acadar os peores resultados da súa historia, está tolo por gobernar, disposto si fai falta a vender a súa alma ao demo. Podemos, con 69 asentos, iconoclastas e prepotentes, dispostos a rachar co todo o establecido e a acabar con PP e PSOE, prometendo o que non poden prometer. Ciudadanos, con 40 asentos semella ser o máis cabal de todos, ofrecendo apoios a uns e outros, naturalmente baixo certas condicións.
A corrupción non é cousa destes tempos, ven de moi lonxe. Tampouco é exclusiva dun partido político. Está enquistada na sociedade, e non so en España, como un mal difícil de erradicar. Aquí pódense aplicar as palabras bíblicas, “ Aquel que este libre de pecado que tire la primera piedra”. O único xeito de combatela empeza na familia, continua na escola e logo coa lex dura lex.
Así as cousas parece que non hai outra solución mellor que repetir as eleccións o que significa un fracaso da política e unha desgracia para o país. ¿Van a solucionar algo unhas novas eleccións no mes de xuño? As enquisas falan duns resultados similares, máis do mesmo, mentres o país segue desangrándose sen goberno. 
Xa que os políticos actuais non son quen de se por de acordo, ¿non será este o momento de cambialos por outros que, esquecendo xenreiras e ambicións persoais, cheguen a acadar unha solución pensando maiormente no progreso do país e na felicidade dos cidadáns?
Non queda outra que unha gran coalición, canto máis ampla mellor, que é o que está reclamando a sociedade a berros, porque un goberno en precario nacido de tanta e tan teimuda confrontación, ten os días contados.

NOVAS ELECCIÓNS