Onte o PsdeG-PSOE e o BNG perpetraron en Lugo a moción da vergoña. Unha moción de censura contra do goberno provincial que encabezaba Elena Candia dende hai pouco máis de 90 días. Non se xulgaba ningunha xestión, simplemente se perpetraba un golpe contra un goberno democrático e lexítimo, ostentado polo partido que gañou nas urnas, e que acadou máis votos no conxunto da provincia. A de Lugo foi a moción da vergoña, porque nin PSOE nin BNG foron quen todavía de confesar os verdaderos motivos que xustificaron unha operación calculada e orquestrada polas cúpulas dos dous partidos. A urxencia era moita para os socialistas. Se non se culminaba nesta semana a moción de censura en Lugo, o PSOE non podería obter a presidencia da FEGAMP. A urxencia para o líder dos socialistas, José Ramon Gómez Besteiro era moita tamén, angustiado cada vez que o novo goberno provincial aireaba algún expediente polémico da súa etapa de xestión, vexase as controvertidas obras da seda da UNED, onde xa se ten gastado o doble do presuposto inicial, e as obras aínda se atopan nun 45%, ou os fondos europeos malgastados no programa INNOVATE, onde se teñen dilapidado en torno a 24 milllóns de euros, e que están a ser auditados por Europa. A moción de censura protagonizada por PSOE e BNG é a moción da vergoña, porque o que é evidente é que tras dela hai motivos escuros que as partes ainda non explicaron. Así o recoñeceu incluso o alcalde de Becerreá en declaracións recentes ós medios de comunicación. E por iso, o BNG ten que explicar porque hai tres meses non quixo votar a un imputado, pero si formar parte agora dun goberno onde tres persoas están sendo investigadas e o mesmo imputado que antes vetaron, ocupará agora unha alta responsabilidade. Os nacionalistas terán que explicar porque os seus principios duran menos de 100 días, e mudan, sen que nada tivera cambiado.
BNG e PSOE quedaron onte retratados na moción de censura da Deputación de Lugo, nun reparto de despachos, no que os intereses cidadáns teñen pouca ou ningunha importancia. O único que lles move é o poder polo poder, a calquera prezo. Neso sempre estiveron de acordo, lembrándonos os peores tempos do bipartito PSOE-BNG de Pérez Touriño e Anxo Quintana.