Primeira minoría e presidencialismo

A proposta do presidente do Goberno, que axiña apoiou Feijóo, de que as alcaldías pertenzan ao partido máis votado cando reciba un 40% de respaldo, permite que a primeira minoría goberne un concello coa maioría da poboación en contra. Este é ao meu entender o aspecto máis negativo que cómpre salientar da reforma, xa que racha cunha norma democrática básica: que para gobernar se conte cun apoio maioritario. Tampouco se pode obviar que esta proposta faise poucos meses antes das eleccións locais, para canear o recuar dos conservadores nos resultados electorais, mudando as regras do xogo existentes. A iso chámaselle facer trampas, utilizando unha maioría parlamentar cuestionábel, aínda que legal, xa que non sería tal se temos en consideración as últimas eleccións.  
É lóxico que esta proposta teña en contra en principio a todos os demais partidos. Calquera reforma electoral debería ter un consenso amplo, porque atinxe ás regras de xogo, e se debe debater de vagar. Máxime cando os cambios seguramente afectarán ademais ás competencias dos alcaldes, que para poder gobernar, tendo minoría no pleno, deben asumir a maioría das competencias, en prexuízo da pluralidade política e do respecto á opinión dos electores cando estes exercitaron o voto. 
O sistema actual é moito máis democrático, e seríao máis se a distribución fose directamente proporcional. Nunca será tan respectuoso coa vontade da poboación elixir en segunda volta o alcalde, xa que neste caso, fórzase a moitos electores a elixir o menos malo. Agora, cando é necesario o acordo entre partidos, para acadar maioría, páctanse programas con apoio abondo, e o pleno é garantía de que se cumpran; non será así cun sistema presidencialista. 
Os que argumentan que este é un modelo menos corrupto, deberían analizar os países nos que funciona o presidencialismo no Goberno, dende os Estados Unidos ate México. A corrupción política, que sempre vai asociada á empresarial, ten máis que ver co auxe da globalización neoliberal, coa lei da selva do capitalismo. 
Canto máis importante sexa o papel dos organismos colectivos maior é a garantía de que se respecten a pluralidade e a vontade popular. 

Primeira minoría e presidencialismo

Te puede interesar