A british exit consummata est

No quinto ano do plan de estudos da licenciatura de Filosofía e Letras (sección de Románicas-Español) que me cadrou cursar había un materia denominada Literatura Hispanoamericana. Inxente cantidade de literatura coa que familiarizarse minimamente nun só curso, aínda que, en puridade, suficiente para poder ensinar o pouco que figuraba nos plans de estudos da secundaria, destino maioritario dos licenciados en letras nesa altura. Tiñamos como profesor -diría que bo- a José María Viña Liste, con quen seguín mantendo unha boa e cordial relación. Entre as tarefas a realizar para superar a materia figuraba a realización dun par de traballos sobre dúas das obras de lectura obrigatoria, que, abofé, eran un lotiño. Recordo que, sen lle dar moitas voltas, me inclinara por realizar un deles sobre a novela rural arxentina Don Segundo Sombra, publicada en 1926 por Ricardo Güiraldes, un ano antes da morte prematura deste narrador, traballo que titulei “Don Segundo Sombra: un problema de determinismo”. Dígoo con absoluta certeza porque conservo o orixinal, escrito na pequena Olivetti que me pasara meu pai, con correccións dalgúns lapsos a bolígrafo e cualificado con 9. A razón da escolla está en que me parecera ver unha presenza constante do determinismo ao longo de toda a poética narración, especialmente no final. Imponse a chamada da terra, o apego ao pago, a evocación do gaucho... Andaba eu daquela preocupado polo relacionado con calquera caste de determinismo e, decidido a procurar romper con todo aquilo que nos viña dado, co que nos dicían que sempre fora así e a loitar para tentar acabar cos sistemas que, porque si, en nome do chamado ben común nos impoñían aquí, aló e en todas as partes. Confeso que seguín sempre así. Será un problema de determinismo? Creo nas capacidades individuais e máis aínda, como non, nas colectivas para impedir que pensen por nós, para que non nos enganen polas boas, para que non nos vendan ou regalen chilindradas, pasándoas por marabillas que recordan as de épocas coloniais... Viñéronme á cabeza estas cousas cando souben do resultado do referendo no Reino Unido celebrado o xoves para que o pobo decidise a continuidade ou non na Unión Europea. Como é máis que sabido gañaron os votantes do non, da saída, do Brexit, resultado, confeso, que me prestou escoitar. O primeiro de todo porque parecía tan cantado, tan determinado, o triunfo do Si, o dos partidarios do Remain, que obrigar a un cambio de plans aos prepotentes -malia que, de momento. vaian seguir sendo prepotentes- supón un aquel de esperanza. Tiña en mente o referendo da entrada de España na OTAN. Como neste referendo británico, inicialmente parecía probable unha vitoria ampla do Non, que, por mil e unha manobras, acabou achicándose ata quedar en Si. O xoves non pasou iso. O resultado é un triunfo do pobo, da democracia. Por iso me pareceron dignas do maior desprezo as palabras de Felipe González. Segundo el, David Cameron é o culpable da derrota. Mais non por non ter sabido conseguir a vitoria, senón por ter convocado o referendo. Mimaa..., vaia demócrata. Haberá que facer sempre pactos gobernamentais á marxe do pobo como o da reforma do artigo 135 da Constitución? Velaí un exemplo de acto democrático fetén. Por non falar dun caso anterior, como o de admitir polas boas un rei nomeado polo dedo dun ditador. A consulta ao pobo? Que eran malos tempos para facelo? Serían, mais púidose tentar emendar a plana sometendo a referendo a lei de abdicación, aprobada hai dous anos. Tamén malos tempos? Para González o máis democrático semella que é que non se vote o que a algúns lles pareza que non se debe votar. En xeral, culpable Cameron, culpable Corbyn porque fixo pouca campaña, culpable o pobo favorable ao Brexit por comportarse como hooligans futboleiros... Todos culpables menos esa marabilla de Unión Europea que tan ben trata á totalidade dos seus habitantes. Que fose a votación con máis participación dos últimos 25 anos ou que o Non gañase nas zonas onde o voto adoita ser máis consciente e meditado, serán boberías?

A british exit consummata est

Te puede interesar