A miña experiencia no cárcere de Teixeiro

Non, a ver, non vaian  crer que o meu paso polo cárcere de Teixeiro foi como inquilino co gallo de pagar algunha débeda pendente coa sociedade, non, visitei o cárcere invitado por unha asociación coa proposta de falar cos reclusos, de contarlles algo que puidese espertar o seu interese e aceptei encantado o reto. O problema foi: de que lles vou falar? Ocorréuseme a idea de comentar con eles sobre a incidencia da música no sentido de facer que o tempo transcorra alí máis ledo , pero cando cheguei ao salón de actos decateime que o  desexo en realidade  era manter conversa comigo, así que cambiei o chip e falamos de moitas cousas, máis que nada de como transcorría a súa vida en illamento entre aquelas catro paredes. A rapaza que me presentou o fixo aludindo a miña condición de cantautor, de músico, e alguén comentou: “Home pois se es cantor o mellor é que en vez de falar nos cantes”. Sabia reflexión, pensei eu, pero non estaba preparado para iso naquel intre así que lles prometín que doutra volta acudiría cos meus compañeiros músicos e fariamos un pequeno concerto coa aquiescencia da institución. E volvín.
Houbo que resolver certos trámites como os permisos para introducir no recinto carcerario obxectos metálicos como os pes de micros, etc, pero arranxado  todo iso  demos o prometido concerto. So había na sala homes e preguntei por que non acudían as mulleres. A resposta foi: “por motivos de seguridade”. A solución equitativa sería ofrecer outro recital para o módulo feminino, pero nun so día eso era practicamente imposible. Pasámolo moi ben: para eles foi unha experiencia nova e para min unha experiencia única. Aló, no fondo da sala vin a un home sentado en solitario, como afastado do resto, non por imposición dos funcionarios senón por propia vontade. Era o capitán Mangouras, o do Prestige, un home xa maior que desentoaba coa media da idade do resto dos reclusos. Logo da nosa intervención os presos achegáronse a min para preguntar cousas e eu aproveitei para interrogalos tamén e satisfacer a miña curiosidade por saber a causa que lles obrigaba a estar alí. Había rapaces con problemas coas drogas, outros por roubos, algúns por asasinato e tamén por homicidio. Destes últimos chamoume a atención un mozo de Madrid que por defender a súa noiva doulle un puñazo ao agresor con tan mala sorte que ao caer ao chan golpeouse na cabeza e faleceu. Saíronlle seis anos e xa estaba a piques de cumprir a sentenza. Marchei de alí contento coa experiencia pero co corazón encollido, pensando que non hai cousa peor que perder a liberdade e intentando poñerme no lugar dos que quedaban alí dentro. Certo que os que alí ficaban o facían porque cometeran un delito e estaban condenados a cumprir a pena correspondente, pero iso non era óbice para que eu pensara o tremendo que é atoparse illado do mundo en terra de ninguén. Por outra banda pensei tamén se nestas institucións cúmprese a premisa fundamental da reinserción, se a xente que, logo de cumprir a pena imposta, sae reeducada para a convivencia sacudíndose a etiqueta de delincuente. No meu traxecto de volta pensaba en todo iso e non atopaba moitas respostas. Sei que hai xente que visita sistematicamente a cárcere co gallo de tentar que ese suposto se cumpra, como ocorre co meu amigo Xaquín que acude a Teixeiro cada semana. Vino hai uns días e por iso agromou este episodio a miña memoria . El está convencido de que os que outrora foron un perigo social, ao saír do cárcere se podan reincorporar á sociedade. O que está por ver é si a sociedade está disposta a readmitilos.
 

A miña experiencia no cárcere de Teixeiro

Te puede interesar