Alegría

Nos tempos da miña adolescencia cando nunha verbena ou nun guateque bailabas cunha rapaza descoñecida o máis común era que esta, despois de preguntarche de onde eras, non quixese saber o teu nome senón se estudabas ou traballabas. Sempre tiven que responder que estudaba, porque cando comecei a traballar xa non ía moito a ese tipo de festas ou, de ir, facíao con parella. Na miña casa, desde que teño recordos, nunca escoitei outra cousa que non fose estudar. O traballo era ese, o doutro tipo xa viría despois, naturalmente. En máis dunha ocasión teño falado da constante preocupación da miña avoa Fortuna pola formación dos netos. A mesma que tivera cos fillos, como contaba miña mai. Sen ir máis lonxe, foi con ela con quen fixen as miñas primeiras lecturas nas páxinas do xornal ao que estaban subscritos na casa. Tería hoxe 124 anos e ségueme producindo asombro lembrar tanto a súa magnífica caligrafía como que non tivese nin a primeira falta de ortografía. Era esa unha das súas obsesións, que eu fixen miña.
Hai xusto cincuenta anos -foi no ano académico 1967-68- que rematei o curso preuniversitario e superei as probas de acceso á universidade, daquela denominadas “pruebas de madurez”, o que posibilitou que puidese realizar todos os estudos superiores e outras cousas que viñeron despois. Non sabería dicir –non o recordo moi ben– se me alegrara moito o feito de ter superado aquelas probas, é de supoñer que si, mais si sei que me invadiu unha inmensa alegría, das máis grandes que recordo da miña vida, cando, a media tarde deste pasado venres, meu neto Iago-Duarte me comunicou que superara as probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidad (ABAU), popularmente coñecidas como de selectividade. Como manteño co neto -extraordinario rapaz, sen dúbida- unha magnífica e fluída relación, ademais de coñecer o seu nivel de preparación, sabía do que fixera e estaba tranquilo e firmemente convencido de que non ía ter problema ningún. Con todo, a noticia do aprobado, ademais do alegrón citado, deixoume unha sensación de grande placidez, máxime por el, porque só merecía este resultado. Non me resta, pois, máis que lle expresar a miña admiración e darlle todos os parabéns e máis que houbese. Força, campeón.

Alegría

Te puede interesar