Unha historia de España

Non é a primeira vez que falo, nestes meus apuntes, de APR (Cartagena 1951).  Como xa dixen outrora, un home moi viaxado, cunha morea de libros publicados, moitos deles levados ao cine e á TV, veterano reporteiro de guerra en medio mundo durante máis de vinte anos e actualmente mantendo unha páxina fixa tódolos domingos no XLSemanal  baixo o lema Patente de Corso. Pertence dende o ano 2003 á Real Academia Española da Lingua onde ocupa a cadeira T ademais de estar en posesión dunha gran cantidade de premios e distincións entre os que destaco, o de Doctor Honoris Causa pola Universidade Politécnica de Cartagena e a Gran Cruz do mérito Naval pola súa novela Cabo Trafalgar. Moito desfrutei coa maioría dos seus fermosos e entretidos libros ben doados de ler todos eles. Un “peñiquero” ilustrado con máis de vinte millóns de lectores en todo o mundo .

Hoxe mesmo acabo de rematar a súa última, que non derradeira achega, que da título a este meu apunte. Nela fala dun país cheo de contradicións, como di no prólogo capaz do mellor e do peor. A nosa historia resumida en duascentas cincuenta páxinas, que xa é mérito, contada coa seriedade, humor e rigor ao que xa nos ten afeitos o autor. Un recorrido histórico dende as orixes ata os nosos días onde non deixa títere con cabeza, chamándolle ao pan, pan e ao viño viño. Magnifico libro de lectura recomendada.

Non obstante, o seu epílogo deixoume mal sabor de boca cando afirma que os españois “volvemos a demoler lo conseguido” (Sic). Paréceme moi amarga a súa conclusión. Eu non son quen de emendarlle a plana ao Sr Pérez Reverte, pero máis me gustaría outro remate máis optimista e positivo, propoñendo novas solucións aos vellos problemas que nos aflixen, e que parecen aflorar de novo. Modestamente atrévome a suxerirlle dende este humilde apunte, que escriba na súa páxina do Semanal un deses, tan ben axeitados artigos, presentando solucións, aproveitando o bo que aínda temos os españois que é moito, denunciando unha vez máis o malo e deixando, como na caixa de Pandora, unha xeira á Esperanza. Con toda seguridade a súa opinión axudaría a aclararlle as ideas a máis de un indocumentado neste país chamado España. Neste tempo de eleccións, ten unha boa ocasión para facelo.

O libro que xa forma parte dos meus favoritos, lino con presa, case nunha soa xeira, farei unha segunda lectura, desta volta a modo, paseniño, de vagar, pra sacarlle todo o seu zume. Ben paga a pena.

Meus parabéns e moitas gracias mestre.

Unha historia de España

Te puede interesar