Urxencias nocturnas

Pasei un ano da miña vida aqueixado dunha doenza moi común, desas que se curan co tempo pero que doen de carallo cando lles dá por facerse notar de vez en cando. Como estes episodios suceden sen horario fixo, pois acudía ao PAC cando xa non aguantaba máis a recibir a dose intravenosa que me aliviaba o mal e deixábame feliz até o próximo episodio. De ser tan asiduo, fixen case amizade co persoal médico e sanitario, aínda que máis dunha vez fun causa de que perdesen o fío do sono.

Antes de existiren este puntos de atención sanitaria continuada, as urxencias dos principais hospitais sempre estaban colapsadas por doentes graves e leves e por outra maioría de individuos que acudían a pasar o rato. Destes últimos casos todos coñecemos centos de anécdotas que, segundo fontes sanitarias da miña confianza, eran moito máis frecuentes as xornadas de aburrimento, sobre todo nos días anubrados de verán e en período de vacacións.

Nunha ocasión dese mal anual que padecín, tras acudir ao PAC nocturno e recibir inxeccións de todo tipo e tamaño, o médico encargado remitiume ás urxencias do hospital central con vía intravenosa incluída para que me atendesen rápido. A pesar do relatorio polo miúdo que me acompañaba, tiven que volver a contar toda a historia até que me depositaron unha sala á espera de que me atendese o médico que correspondese. Pasaron as horas, quedei durmido, espertei, volvín a toquear até que chegou unha rapaza moi amable a quen tiven que volver a contar todo e mandoume para a casa sen realizar as supostas probas que dicía que ían facer.

Non fai falta ser moi listo para darse conta de que a maioría dos centros de saúde con urxencias nocturnas apenas teñen doentes pola noite por simple cuestión demográfica, non somos tantos galaicos para poñerse mal todas as noites, a pesar do envellecemento da nosa poboación. De seguro que algún que outro está de máis, sobre todo cando existen tres centros deste tipo nun radio de vinte quilómetros, pero a saúde é un ben escaso e non é conveniente xogar con ela e ademais sería tirar os cartos públicos despois de educar á xente a non ir ás urxencias do hospital grande sen antes pasar polo pequeno.

Se facemos un concurso entre os cidadáns galaicos sobre que elementos da administración autonómica se deberían cerrar antes que as urxencias sanitarias nocturnas, nin aparecería ningún relacionado coa saúde nin coa educación, os que se adoitan chamar servizos sociais, dos que hai que excluír a famosa dependencia, porque aquí nin vivos nin mortos souberon nunca o que era iso e case nin se oíu falar dela máis alá que nas reunións da terceira idade nas que actuaba o vicepresidente Quintana.

 

Urxencias nocturnas

Te puede interesar