Cando un amigo se vai (Recordando a Fernando Cendán Pazos)

Que razón tiña o compositor cantante e poeta Alberto Cortez naquela fermosa inesquecible canción. “Cuando un amigo se va queda un espacio vacío, que no lo puede llenar la llegada de otro amigo. O 17 de xaneiro faleceu en Madrid, Fernando Cendán Pazos, sincero e cordial amigo a quen coñecín en NEDA, aló polo ano 1970, a onde viña de vacacións coa súa dona Amalita Doce, nedense de nacemento e de corazón.
Fernando e mais eu sintonizamos ben, simpatizamos e temos botado boas charlas na biblioteca de Neda ou nalgunha cafetaría, diante dun café e en amenas conversacións telefónicas Neda- Madrid e viceversa. Era un perfecto comunicador.
Home de mundo con moita cultura, tiña moito que ensinar e eu moito que aprender. O que máis admirei del, á parte do seu saber, foi a súa humildade, o seu xeito repousado de falar e o seu amor por Galicia (á súa perpetua morriña), en especial, por esta comarca na que naceu, fixo os seus primeiros estudios, namorou, casou e deixa moitos amigos.
Despois de cursar en Ferrol o bacherelato marchou a Madrid, en cuxa Universidade Central licenciou en Ciencias Políticas y Económicas.
No 1953 comezou as súas actividades profesionais na Comisión Ejecutiva para el Comercio Exterior del Libro, pouco tempo despois integrado no Instituto Nacional del Libro Español, na que desempeñou durante bastante tempo a Xefatura do Departamento de Difusión.
Foi profesor-secretario da Escuela de Librería de Madrid, entre os anos 1962 e 1974, e director-gerente da revista “El libro Español”, entre 1970 e 1980; tamén secretario general en varios congresos nacionales de libreiros e director de cursos dedicados a editores e libreiros españois e iberoamericanos.
Tamén foi Jefe de Departamentos de Ferias e Exposiciones del Centro del Libro y de la Lectura, e consecuentemente, director dos pavillóns oficiais de España nas máis importantes feiras internacionais do libro e profesor do Módulo Profesional de Biblioteconomía, Documentación y Archivos, no Instituto San Isidro de Madrid.
Autor de varios libros sobre cuestións relacionadas, coa edición e o comercio da libraría, algún deles merecentes do premio da Agrupación Nacional del Comercio del Libro.
Con interesantes traballos de diferentes temas colaborou en varios xornais e revistas de índole estatal, autonómica e local.
No Anuario-Revista de NEDA, dende o primeiro, en 1998, ata o último publicado, presentado –fatídicas circunstancias– o día seguinte do seu falecemento na que participa con importantes artigos, sobre dous nedenses, Manuel Rodeiro, exiliado en Rusia no ano 1936 e Andrés Perille, nacido no ano 1859, emigrado de mozo a Buenos Aires, inventor e importante empresario, coñecido como “O galego dos mil negocios”.
Dende a súa xubilación, escribía para “El Boletín desde Narón” -concello no que naceu e residía nas súas temporadas en Galicia - significados artigos profesionais de índole social e cultural.
Fernando Cendán Pazos deixa, tanto na comarca ferrolá, como na capital de España e en moitos lugares do mundo por onde viaxou e fixo amigos, un regueiro de recordos e sentimientos inesquecibles.
Sen dúbida, fóisenos en bo home, leal amigo dos seus amigos, amante dos libros e da cultura en xeral, quen dende Madrid soñaba coa súa querida terra galega, e cando marchaba de Galicia, estivera onde estivera, sentía no peito incrustada a soidade, a morriña que lle era imposible de calmar ate o retorno á Matria, á que tanto el, como a súa compañeira e esposa Amalita Doce, sempre anhelaban retornar o antes posible.
Por sempre, no cumio dos nosos pensamentos e no florido val dos nosos corazóns e dos nosos sentimientos, estarás, querido amigo Fernando.
Á súa sempre amada esposa, ós seus fillos, netos e demais familia, expresar a máis sentida condolencia.
Decía Luigi Pirandello, que “cando un ser amado morre, somos nós os que non estamos vivos para el, xa que el non pode pensarnos. Pero nós, si podemos pensar nel, para que siga vivo en nós”.

Cando un amigo se vai (Recordando a Fernando Cendán Pazos)

Te puede interesar