Que se celebra?

Non sei se nalgún momento fun crente pero, trala primeira hostia sagrada, chegaron as de verdade. Foi precisamente por estas disque “entrañables” festas cando descubrín  a inxustiza dun deus que facía un reparto moi desigual dos agasallos. Na adolescencia, cheguei ao convencemento de que tal ser non podía existir. E a día de hoxe non entendo que se celebra nestas datas. Que hai miles de anos naceu en Belén un ser pobre e mártir para convencer os demais de que o sufrimento será recompensado nun outro mundo? Ou o maquiavelismo dos inventores da historia? Isto é, os oligarcas do momento, que, do mesmo xeito que os dirixentes actuais, só pretendían distraer as masas. E funcionoulles, vaia se lles funcionou. Arestora entretéñennos con nacionalismos e outras lerias, mentres nos van convencendo de que non cobraremos case pensión, que a sanidade pública non é sostible, que non todo o mundo pode estudar, que temos que ser solidarios e pagar latrocinios variados... E ímolo asumindo sen rechistar.
 

Que se celebra?

Te puede interesar