Cinismo

Na reunión  do grupo de ministros de economía da Unión Europea, celebrada hai un par de días, Wolfgang Schäuble, ese alemán sinistro, manifestou: “Mário Centeno é o Ronaldo do Ecofin”, frase que anda en destaque en todos os medios, nomeadamente os portugueses. O presidente Marcelo Rebelo de Sousa –do PSD, da dereita gobernante anterior- declarou que Schäuble “pela primeira vez, não pensou mal”, xa que el tamén entendía que a saída de Portugal  do Procedemento por Déficit Excesivo “é comparável ao mérito de Cristiano Ronaldo, sim”. 
Pola súa parte, o loado ministro Centeno dixo que, fronte aos eloxios, prefería reter as últimas desconsideracións ao Estado portugués do seu homólogo alemán, aquelas nas que, ameazante, advertía Portugal de que en vez de andar perigosamente a perturbar os mercados debería coidarse de non ter que volver pedir axuda financeira. Declaracións na liña das que expresara non moito antes acerca de que Portugal estaba financeiramente ben ata a entrada do novo goberno, o do Partido Socialista, con apoio parlamentar do Partido Comunista e do Bloco de Esquerdas.
Todo moi bonito, precioso… Mais, cando vai recuperar a xente o que nestes anos lle foron subtraendo?
 

Cinismo

Te puede interesar