Muíños

Polas terras nas que ando hai moitos muiños: muiños de ar e muiños de auga.
Os primeiros formando grupos de xigantes  aló arriba nos cumios dos montes, con tres brazos que xiran e xiran sen parar aproveitando os ventos que non deixan de soprar por estas terras onde Europa entrégase a este mar inmenso ( estés días o vento do nordés bruou entre os piñeiros cunha forza inusitada).
Pero os muíños que a min me interesaban eran os de auga, aqueles que se atopan  á beira do río, hoxe desafectados e por sorte restaurados, formando parte da paisaxe á que pertencen hai moitos anos.
Atópanse aquí coma mostra dunha actividade que foi moi importante para o desenvolvemento dunha sociedade eminentemente campesiña malia estar, neste caso, moi preto do mar.
Dos muíños de vento que xa configuran o “sky line” de moitos lugares da nosa Terra, o máis seguro é que non queden vestixios deles cando pasen trescentos anos. Non acontece así cos de auga. Onte decidin visitar algúns.
Camiñei polo marxe dun pequeno río que semella proceder das escarpadas cumes do monte Pindo. No meu andar atopei catro desas construccións (hai máis), pequenas fábricas de pedra de non máis de dez metros cadrados. Segundo manifestan algúns historiadores, os muíños de auga xa eran coñecidos polos romanos e gregos aló polo século II denantes de Cristo, pero é posible que fose na idade Media cando pasan a formar parte da nosa paisaxe.
Algúns eran de propiedade privada e outros de man común e neste caso establecíanse quendas para moer o grao, cousa que se facía nun ou noutro muíño segundo fose grao de millo, trigo ou centeo. Moitos tiñan operatividade case constante e moíase tamén pola noite. Cando era así, íase en grupo co gallo de procurar protección cara ós bandoleiros e ás alimañas. Comían, cantaban e contaban historias namentres as moas de pedra xiraban sen cesar.
No dintel da porta dun deses muíños estaba inscrita a data de 1734. Aquel silencio absoluto so rachado  polo transcorrer da auga entre as pedras do leito do río invitaba á reflexión e a pensar en como era a vida naquel tempo no que a supervivencia pasaba pola axuda que un podía recibir dos demais, premisa de “hoxe por ti e mañá por min” e a diferencia cos tempos de hoxe que, malia a ser en xeral mellores, sen dúbida, prevalece o “hoxe por min e mañá tamén”.
Regresei coas imaxes deses muíños  na miña cámara e coa idea de que, nada máis se me presente a oportunidade, seguir río arriba na procura  de máis deses vestixios do noso pasado máis récente.

 

Muíños

Te puede interesar