on somos inocentes. Somos membros de sociedades fortemente estruturadas e as cousas que suceden, e coas que alimentamos debates e tertulias, non son alleas aos nosos ámbitos de responsabilidade.
Sabemos que temos tendencia a lavarnos as mans e a pensar que non temos arte nin parte na conformación da realidade que habitamos. Coma se os males do mundo xurdiran por xeración espontánea, ou viñeran dende o espazo exterior.
Temos a nosa parte alícuota de culpa polo cambio climático e pola degradación sistemática do noso soporte físico e vital. Somos actores con papel e texto, na sociedade desigual e deshumanizada da que formamos parte.
Temos ampla responsabilidade na perda de valores e das barbaridades substitutorias coas que nos sorprendemos, un día si e outro tamén, escoitando as noticias. Ás veces insistimos nos posicionamentos infantís de botarlle a culpa aos demais de todo o que sucede.
Miramos para outro lado cando moitos dos males, caen máis no lado do veciño que no noso propio. E somos quen de xustificar ata o inxustificable. Que sucedan os brexits, ou pechar o Parlamento; que Trump lidere a maior potencia mundial; que Kim Jong-Un sexa presidente dun pais; que Salvinis, Maduros e outras lindezas polo estilo tiveran poder, é porque as sociedades, coas súas decisións, o permiten.
Votar é decidir. Votar non é nada malo. Incluso cando temos que facelo coma consecuencia dun bloqueo realizado por forzas políticas que non están á altura do que representan, temos outra oportunidade. Responsabilizarse para cambiar a realidade, iso si que son compromisos de vida eterna.
Sempre soñei vivir en palabras fermosas –dixo El– en emocións acesas que teñan esa luz coa que amasar o sol de cada dia. Palabras que definiran as letras do teu nome... Sei que dalgunha forma, dende o primeiro instante, sempre soñei contigo...