FESTA DO PAN DE NEDA

Neda, 
vila soñada, acolledora.
Quen te coñece
xamais te olvida.
Nesta época na que nos tocou vivir, na que gravitamos ao redor dun sol que xa non ríe con alegría, que máis ben chora vendo o malestar social no que moitos millóns de cidadáns se ven absorbidos pola máis absoluta miseria e outros camiñan cara a ela, aqueloutros faltos de escrúpulos enfermos por acaparar poderes enriquécense á conta de todos, actuando como donos do país que manexan ao seu antollo, despreciando leis, abusando do pobo, e se pronto non despertamos do profundo soño acabaremos sendo os seus baratos seguros servidores, coma noutros tempos nos que as nebulosas político-sociais ocultaban ata a máis mínima nitidez. 
Ratas roedoras da dignidade das clases traballadoras, dos billetes grandes e das tarxetas de plástico sen límite de fondos. Anidan no ventre do país e non cesan na súa productiva angueira roedora de vísceras e pelexa. E nós, coma se nos dera “gustirrilín” deixámonos rifar tal se fóramos mazorcas de maínzo. 
Preocupado estou, que non tremendo, polo amigable consello de Christine Lagarde, coñecida como “la bien pagá”, quen  dirixe o FMI (e tanto máis): Aos españois nos lles que outra que a suba de impostos, a baixada de salarios (e de pantalóns), abaratar despidos (o da patada das cachas) e deixárense de festas e esmorgadas que producen canseira, baixa a producción nas fábricas, á parte de dilapidar o diñeiro. 
Creo, e me perdoen os que a aplauden, que dona Christine a que nos quere gobernar é unha “coñera” merecedora dunha tira semanal de cómic. Ben certo que don Mariano responsable e bo dirixente do país, como estamos vendo, non creo lle deixe meter poutas e dentes neste soberano pobo. 
Sendo como son, bo roedor de pan, empanadas e bolas larpeiras, con tódolos respectos, agora que vou escribir sobor da Festa do Pan non pensó convidar á Señora do FMI, nin tan sequera enviarlle ao seu palacio un chisco de cheiro do noso licor de guindas, nin un anaco de pan, nin o libro “Faragulliña” escrito ao pé da portela do forno, adicado a todos e a todas escachabolos e escachabolas do mundo. Non. Non é merecente. 
Moita xente da comarca recordará cando polo 10 de setembro se celebraba no recinto feiral de Albarón, na Mourela de Neda, e coincidindo coa feira – hoxe desaparecida – o último día de festa da Patrona Santa María e a verbena ao pé da igrexa. 
No ano 1980 a A.VV. Ancos organizadores das festas acordan celebrar no ricinto feiral para mellor dar a coñecer as bondades do pan de Neda un concurso de empanadas que con ese nome seguiu ata o 1985. Despois de 3 anos de deixamento da Asociación sen se celebrar o concurso retoma esa actividade festeira e gastronómica o concello, dende a area de cultura e festas pasando a se denominar “Festa do Pan”, tamén coa incuestionable e imprescindible participación da A.VV. Ancos, a colaboración doutras entidades, de moitos veciños de xeito altruista e, por suposto, dos panadeiros. 
Ei!, rapaza panadeira / que amasas beira do río / e coces beira do mar / move que move a peneira / mentres que eu asubío / compoñendo este cantar. 
No ano 2007, a corporación entrante decide trasladar a “Festa do Pan” ao paseo marítimo, ao pé do albergue de peregrinos, fronte á popularmente coñecida ribeira de Baudón a carón da desembocadura do río Grande, onde se continúa a celebrar.
Cómodo lugar de fácil acceso fronteiro ao concello irman de Narón, anque hai xente que con aquela saudade no corpo, lembrando a historia daquel recinto mercantil, daquela organización participativa compartida co pobo segue a dicir que alí é o lugar. Poida, penso eu, sexa tan só nostalxia daquela participación vecinal. 
O pan necesario e saudable, é case que indispensable na nosa dieta, alimento enerxético, fonte de proteínas, vitaminas, minerais e fibra, introducido en España polos celtiberos no s. III a.C, polo tanto xa se coñecía cando chegaron os romanos á península. 
Neda é terra de bos panadeiros dende épocas inmemoriales, onde os rodicios dos muíños dos ríos Xuvia e Belelle xiraron centos de anos, ata hoxe, que non traballa ningún.
Reinando Felipe II, no 1588, aparecen nos documentos os chamados Fornos Reais, de Previsión, ou Fábrica de Biscoitos que abastecían á Armada Española. Descendentes daqueles mestres seguen hoxe en día a elaborar un excelente pan. 
Mágoa que a moi digna Confradía da Orde do Bolo Cachado non teña continuidade, de momento, “que un año no es nada”. Sei de xente que, impacientes, agardan vez para seren confrades. 
Veñan a Neda a nedear cando queiran, e nesta ocasión a gozar dun acolledor ambiente con festa, música (da nosa terra) e boa gastronomía. Como sempre o 1º domingo de setembro. 
 Neda: Mociña leda / Cunca de prata / Beleza innata /Verxel de ouro / Sen par tesouro / Pano de seda. 
 

FESTA DO PAN DE NEDA

Te puede interesar