Cinismos

|

O meu gran amigo, colega e camarada Sergio Vences, catedrático de Filosofía da Universidade coruñesa, gustaba de citar o filósofo grego Dióxenes o Cínico. Nunca cheguei a preguntarlle a razón, porque vía que moitas das cousas polas que pasou á historia o filósofo de Sinope coincidían coas que, máis de vinte séculos despois defendía o doutor Vences: transgresor, provocador, burlón, sarcástico, crítico e denunciador das normas sociais e das limitacións ao home, cidadán do mundo... Co de vivir nun tonel si que non coincidía.
Bo coñecedor e amante da literatura, publicou libros de poesía, narrativa e ensaio, así como a peza de teatro Platón suspende la selectividad (1994), que, cun grupo de alumnos e alumnas, representou nun abarrotado Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Un provocador texto, cheo de ironía e sarcasmo no que crítica as probas de acceso á Universidade. Como se ve, o autor bota man de elementos que caracterizan o pensamento do máximo representante da Escola Cínica. Como é ben sabido a palabra cínico é de orixe grega -aínda que chegou a nós a través do latín- e está formada polo substantivo kýon, kynós, que significa can, cadela e o sufixo  ikós, relativo a. Isto vén sendo o relativo aos cans, canino, en referencia ao tipo de vida que levaban os que formaban parte desa escola filosófica.
Na actualidade o vocábulo segue utilizándose para se referir aos partidarios ou seguidores da escola cínica, se ben a primeira acepción que adoitan recoller os dicionarios é a dito dunha persoa que actúa con falsidade ou desvergonza descaradas.
O cinismo, que os dicionarios definen como a desvergonza no mentir ou na defensa e práctica de accións ou doutrinas vituperables, que estou vendo estes días -espero non ser o único- foi o que me levou aos cínicos gregos e ao xa falecido amigo Sergio Vences.
Unha boa parte da rapazada do meu tempo, ou de idades próximas, fomos lectores e/ou espectadores de historias desenvolvidas no oeste americano. Filmes, novelas ou noveliñas que chamabamos de vaqueiros. Globalmente -sen esquecer que a excepción adoita confirmar a regra- eran relatos maniqueos, onde os bos eran boísimos e os malos peores que malos malísimos. Nin que dicir ten que se había indios polo medio os malos malísimos xa estaba máis que cantado que eran: eles. E nós, coma parvos, a tragar ideoloxía. Outro tanto acontecía no tempo político do mundo real que nos tocara padecer. Todos os medios franquistas -que non había outros- embrábannos a cotío que os malos eran os da conxura xudeo-masónica e, sobre todo, os rusos. Os comunistas, de tan malos malísimos, era como se comesen os nenos crus. Os únicos bos boísimos eran o ditador Franco e os españois defensores do nacional-catolicismo. Indios e foraxidos no cine e rusos na realidade cotiá supuñan unha ameaza para a orde establecida, dicíndoo con palabras usadas por Tusk aplicadas ao novo presidente de USA. A miña concepción do mundo está nas antípodas da de Trump. Mais tamén o está da do presidente do Consello Europeo. Pero sei que a política que quere aplicar o presidente americano é a que anunciou ao longo da campaña electoral. E, con ela, gañou. Como sei, tamén, que Rajoy gañou prometendo o contrario do que logo fixo e fai. E, así mesmo, sei que ao señor Tusk -ese que nos quere vender a falacia de que as elites non son as únicas beneficiarias da Unión- non o eliximos os cidadáns. Pero, Juncker, presidente da Comisión Europea, que tampouco eliximos nós, desmárcase desa apreciación da ameaza. E Rajoy, como outros dirixentes europeos, di non crer nos muros pero todos manteñen perigosas vallas fronteirizas. Etc., etc., etc.. Verdades cero. Cinismos e desvergoñas  a esgalla. Agardemos o que pode saír de Malta, porque os cínicos de hoxe, por desgraza, nada teñen en común cos de hai case dous mil cincocentos anos.
 

Cinismos