Portugal, olladas contraditorias

Portugal produce na patronal e nos partidos sistémicos galegos, sexan da dereita ou socialdemócratas, unha actitude contraditoria. No económico, as relacións foron a máis nas últimas décadas. Tanto, que son os terceiros socios comerciais despois do resto do Estado español e Francia. Mesmo son un exemplo para os que buscan baixar salarios. 
No ámbito cultural e político, as relacións son mínimas, e por suposto moi inferiores ás que houbo durante décadas, especialmente durante o século XIX e principios do XX. Lembremos os Congresos Obreiros Galaico-Portugueses (1902-1903-1904), ou a presenza na Academia Galega de Teófilo Braga, que sería o primeiro presidente de Portugal despois da Revolución Republicana de 1910. 
Dá a impresión de que mentres se louva Madrid gratuitamente, búscase todo tipo de escusa para  afastármonos de Portugal, como se se quixese facer méritos, máis propios de quen asume o carácter de subalterno. Por exemplo, cuestionando que o aeroporto de Porto supere os nosos, cando esa cidade ten 1.500.000 habitantes coa súa área suburbana e dobra a poboación galega na súa zona de influencia. 
Por outra banda, o norte de Portugal dálle centralidade ao sur de Galiza, fortalecendo as súas potencialidades (naval, porto, pesca, granito, etc.). Neste contexto, coido que ten un valor especial que a CIG e máis a CGTP-IN, a maior central lusa, asinasen un protocolo de colaboración, moi centrado na loita contra a precariedade. Estreita relacións no social, e permite poñer no seu lugar a competencia dos baixos salarios.
Sobre este último aspecto, cómpre clarificar que se fose polos salarios, as empresas de Madrid, Cataluña e Pais Vasco hai tempo que se terían trasladado a Galiza. Non foi nen será así. Hai máis razóns e moi importantes, que inciden na deslocalización. 
Por este motivo, no ano 2016 Galiza exportou por 2.547 millóns de euros e importou por 1.924 millóns, ou sexa, Portugal creounos emprego. No relativo aos investimentos sucede outro tanto. 
Entre o ano 2005 e 2015, Galiza investiu no país veciño por 285 millóns (sobre un total de 10.326 millóns expatriados), mentres que o capital portugués que entraba era de 532 millóns. 
En poucas palabras, os que deberían estar preocupados pola deslocalización e a competitividade son os irmáns do sur. Sería bo que non nos creen fronteiras artificiosas con quen temos tanto en común (historia, cultura, lingua). En todo caso, os retos para o sector do automóbil galego están en Marrocos onde as diferenzas salariais son  determinantes. 

Portugal, olladas contraditorias

Te puede interesar