Semella que a palabra “moderación” estase a poñer de moda, no ámbito da política e, por extensión, na economía, nas relación laborais e en moitas outras facetas da vida. A verdade é que, facía moita falta algo de moderación de xeito xeneralizado, por exemplo, na política, pois que o Parlamento, ás veces, máis parecía un patio “barriobajero” que un lugar de diálogo, discusión respectuosa e debate clarificador. Estas actitudes deixaron en moi mal lugar aos nosos representantes, pola falta de calidade non xa política, senón cultural e humana. Benvida pois esa moderación xeral, mais sen perder de vista, que sería unha burla intolerable, esixirlle moderación a quen non ten nada, aos que carecen de pan, traballo e teito. Xa que logo, si á moderación nos altos salarios dalgúns, (como piden na Italia) ou nos escandalosos beneficios doutros, que pode que axudase a moderar as necesidades e angustias de moitos desherdados da fortuna. Digo eu, claro, pero quen lle pon o cascabel... aos políticos?