Mugardos en clave de jazz

|

Esperaba con certa espectación  a actuación de Simón García en Mugardos. Sabía a ilusión que lle facía tocar na súa vila e a verdade é que  se cumpliron todas as espectativas. Simón xa forma parte dese grupo de músicos elixidos tocados pola variña máxica logo de traballar arreo para colocarse neses lugares de privilexio reservados para uns poucos. “Simón García Quartet”, así poderíamos chamar á formación que a pasada noite deleitounos cunha música de moitos quilates, deixou a súa impronta en Mugardos  nunha noite de agosto fresquiña onde ata o vento mareiro quixo xogar coas partituras e por momentos cos micros. O proxecto que Simón García presentou en Mugardos chámase “Bassically”, un feixe de composicións propias compostas para cuarteto de contrabaixos pero que el, con moita sorna, anunciou que esta vez se deixaba acompañar por outros instrumentos que tamén “afinan”: batería saxo e piano. Músicos de altura para unhas claves sonoras saidas do talento do músico mugardés que eleva a categoría do contrabaixo para facer del un instrumento solista cando sempre o imaxinamos coma un elemento de acompañamento. O contrabaixo de Simón pide sítio e colócase no primeiro plano asumindo responsabilidades sonoras que outrora estaban reservadas a outros instrumentos. Por momentos o contrabaixo forma a sólida columna vertebral da obra mantendo robusta a estructura harmónica, pero cando Simón decide asume protagonismo e pasa a ser “a voz cantante”. Foi unha ledicia de concerto, unha noite marabillosa de música plena, sen aditivos, de tiararse á piscina de corcheas e semicorcheas  sen flotador. A música de Simón García non se mergulla, elévase por enriba dos niveis normais. Simón necesitaba animicamente tocar en Mugardos e Mugardos precisaba da música de Simón García. Foi unha noite máxica merecente de continuidade na que houbo tamén unha lembranza á inesquecible Aretha Franklin. A nosa vila podería ser o centro dunhas xornadas anuais de jazz nas que Simón tería que ser un activo fixo, unhas xornadas que no mes de agosto marcasen tendencia e reuniran na vila a centos de afeccionados a este tipo de música considerada por moitos “a música clásica do século XX”. Tempo haberá para insistir na idea. Pero a noite ofrecía máis: o “Miguel Lamas Trío”, batería, trompeta e teclados, a formación do músico fenés afincado en Madrid  merecente dun comentario aparte, así que quedo comprometido a fecelo na seguinte entrega. Abofé.

Mugardos en clave de jazz