Entendendo por metafísica esa “ciencia que estuda realidades máis alá do mundo sensible ou da natureza, do ser e do ente cos seus principios e atributos” é hora de pór en valor o extraordinario fenómeno de comportamento humano que entendemos por sentidiño. Se a expresión sentido, entre outras moitas acepcións, fala da “capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta”; iso que outros consideran sentido común, moitas veces certamente o menos común dos sentidos, “sentidiño” é a quintaesencia do equilibrio á hora de apreciar, tomar decisións e comportarse. Un verdadeiro patrimonio inmaterial da humanidade só recoñecíbel no xeito de obrar dunha parte da xente galega, tan valioso como escaso ata o punto de non contar co interese de estudo científico e mesmo estar ausente dunha entrada propia no dicionario académico.
Sentidiño é todo o contrario ao desleixo institucional a respecto do coidado das paraxes ambientais do país, do patrimonio arquitectónico e paisaxístico ou da cultura etnográfica de base popular que proporcionan imaxe diferenciada de cara ao exterior, constituíndo o mellor dos chamados publicitarios á hora de establecer políticas de promoción do negocio turístico. Velaí o último despropósito que amosou a foto da xente impedida de baixar dos barcos de pasaxe á paradisíaca praia de Rodas, nas Illas Cíes, publicada na prensa de medio mundo. De xeito sistemático, irresponsábel e manifestamente irregular, as empresas autorizadas ao transporte de viaxeiros veñen violando o límite de persoas que poden acceder diariamente a este entorno que forma parte do Parque das Illas Atlánticas; un ben de xestión pública que aínda carece do Plan Reitor de Uso e Xestión malia o tempo que ten pasado desde a súa posta de longo. A situación denunciada na Ría de Vigo non é caso único, é un asunto recorrente. Chove sobre mollado.
É mágoa do sentidiño desaproveitado. Moito máis se comparamos coa tendencia de moda internacional que está a considerar o equivalente sueco ao noso sentidiño, alí chamado “lagom”, como segredo da felicidade no século que corre. Do mesmo xeito que a máxica palabra galega, a nórdica ten diferentes funcionalidades segundo o campo da intervención humana que veña a conto. Axeitado nos medios, moderado ao comer, xeneroso no salario, lóxico na empresa e sostíbel no estilo de vida e coidado do entorno; entre outros moitos máis. Cantidade xusta, sen excesos; a filosofía que precisamos para facer as cousas ben. Sentidiño.