ATENEO, TOXOS, SAF? ONDE IDES?

|

A sociedade actual esixe a presenza de diversas asociacións cidadás, culturais, artísticas, empresariais, profesionais, veciñais, de estudos, de viaxes, de natureza ou deportivas. Pasan de trescentas as asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Ferrol, número quizais excesivo, pero dalgún xeito o Concello debe apoiar o seu labor de creadoras de opinión e recoñecer o seu papel de interlocutores sociais, impulsando no posible as súas actividades a prol da colectividade.
Non corren bos tempos para o asociacionismo cultural. Dentro do visible declive que neste eido ten lugar na urbe, quixera falar das tres asociacións máis importantes e recoñecidas de Ferrol, con independencia da súa función específica e obviando esa equívoca etiqueta de dereitas, esquerdas ou nacionalistas aplicada no eido cultural. Refírome a tres entidades que non están a pasar un bo momento, ás que nalgunha ocasión pertencín, colaborei ou fun socio e ás que tamén critiquei moitas veces, pero cuxa presenza é imprescindible na cidade: Ateneo Ferrolán, Toxos e Froles e a Sociedad Artística Ferrolana.
Hoxe o Ateneo Ferrolán está a pasar serios atrancos, tanto por repetidos erros da entidade (directiva e empregados) como a torpeza e o trato pouco considerado pola parte do Concello, convertendo o restaurado edificio do Legado Carvajal (que algún parvo bautizou como Concepción Arenal) nun lugar de pelexados inquilinos por mor dunha equívoca xestión municipal que deixou un tema tan delicado nas mans dun responsable do Concello que descoñece as peculiaridades culturais e sociais da cidade.
A maiores, o conxunto dos fondos documentais e materiais do Ateneo (biblioteca e hemeroteca incluídas na Rede de Bibliotecas de Galicia, ademais de pintura, escultura e arqueoloxía), un dos máis importantes de Ferrol, corre o serio e inadmisible perigo da súa perda por non se chegar a un acordo previa entre o Ateneo, o Concello e a empresa responsable das obras. Hoxe a solución está en mans dos xuíces, por desgraza o peor remedio para calquera problema deste país.        
Tampouco a centenaria asociación Toxos e Froles está a pasar neste intre polo seu mellor momento. O tema da cafetería, un lugar de reunión sempre de grande interese nunha asociación cultural, se lles foi totalmente das mans. Tamén o próximo Centenario que se aveciña non semella que se estea a organizar coa axeitada difusión e o debido rigor.
Fai tempo que Toxos e Froles tiña que sacar de novo á luz a revista Labor Galega para informar do grado de avance dos traballos do Centenario e dar a coñecer unha serie de retallos da súa historia, tan unida ao pobo ferrolán. Outro tema importante, como é o desleixo da súa notable biblioteca e hemeroteca, non ten xeito de arranxo. Tanto a Directiva actual como as anteriores arrodeáronse de distinguidos asesores, auténticos paspáns e figurantes, que non foron quen de catalogar e abrir ao público a espléndida biblioteca Fontenla Leal.
No que atinxe á activa Sociedad Artística Ferrolana, non se pode negar o intenso traballo dalgún dos seus directivos, mentres que outros están na lista de vagos e mareantes desta vila. A pesares de dispor  de “dobre teito” estes  anos, os seus innegables logros no eido da pintura e da poesía non chegan a calar de cheo na sociedade ferrolá. Aínda máis, é curioso observar como nos últimos tempos unha serie de pintores e escultores vanse desgaxando do árbore matriz e van formando novas polas. Todos os anos a SAF prepara un completo programa cultural, tanto no que atinxe á pintura e escultura como á poesía e pintura. O problema é que a metade dese programa non se cumpre? Para cando a reedición da notable publicación de Leyra Domínguez sobre os pintores ferroláns? Cando se se vai a celebrar esa exposición que dea a coñecer o, sen dúbida, interesante Fondo de Pintura desta sociedade?
Non esquecemos o traballo puntual no eido cultural, as veces interesante e outras menos axeitado, doutras entidades como o Club de Prensa, Club de Montaña, Sociedad Filarmónica Ferrolana, Medulio ou Galería Sargadelos, entre as coñecidas. O que non temos noticias é do que vai a pasar con certa Fundación Abanca, herdeira da funesta entidade bancaria Caixa Galicia, que fai pouco tempo, con permiso dos políticos, cometeu a máis vergoñenta estafa que sufriron os galegos.
jjburgoa@hotmail.com

 

ATENEO, TOXOS, SAF? ONDE IDES?