Rosalía, no Seixo?

Pois polo que din semella ser que si, que a insigne poeta, máxima representante do Romanticismo, estivo por terras de Mugardos e máis concretamente polo Seixo. Hai uns días presentouse alí un libro de autoría coral ( son catro os autores) no que se dá a coñecer a presencia da sobranceira poeta na nosa contorna. A maioría dos que estabamos na presentación descoñecíamos esta curiosidade, esta anécdota que ven poñer ao Seixo dentro do itinerario da insigne escritora, que xa non é pouco. No Seixo houbo unha importante industria textil , para min o máis importante desta historia, sendo o seu promotor Don José López de la Fuente cuxa actividade foi desenvolvida máis tarde polos seus fillos Angel e Fausto. Angel queda no Seixo e Fausto monta un negocio en Padrón a escasos metros de onde residian Rosalía e a súa nai e quizáis ao frecuentar a tenda de don Fausto xurde unha amizade entre as dúas familias. ¿Cal foi o motivo da visita de Rosalía ao Seixo? Quen sabe, tal vez un cambio de aires e pasar uns días coas fillas de Angel López de la Fuente ( Carolina tiña a súa mesma idade) pero , reitero, isto non é máis que unha curiosa anécdota , o fío conductor e a excelente escusa para poñer en valor a explotación dunha importante fábrica textil que na segunda metade do século XIX mantiña empregadas a máis de noventa mulleres no Seixo. Rosalía descansou aquí, contemplou a beleza do lugar e tal vez participou na “festa do Seixo” que ela reflictiu nun fermoso poema “ Si a vernos, Marica, nantronte viñeras” onde no segundo verso dí:...”á festa do Seixo na beira do mar”/. Non é nin máis nin menos a vinculación da poeta cun espazo que momentaneamente ocupou. Pois ben, xa temos ao Seixo no mundo rosaliano e á fábrica textil, co liño de materia prima, coma motor impulsor do lugar. Ninguén pon en dúbida que esta actividade empresarial representou máis para o Seixo que a visita temporal da poeta. Por outra banda temos que ter en conta que vir desde Padrón ao Seixo era naquel tempo unha viaxe de longo percorrido: en carrilana podíase tardar máis dunha xornada, así que tivo que haber un motivo importante para que Rosalía se animase nesta aventura. En calquera caso parece que a presenza da nosa poeta por excelencia no Seixo foi certa.

Parabéns aos autores: Juan Carneiro, Jorge Gómez, Miguel A. Rodriguez e Henrique Sanfiz por achegarnos a nosa intra história, tan importante para saber de onde vimos, e as entidades que fixeron posible esta publicación. Si.

Rosalía, no Seixo?

Te puede interesar