PELOUROS

Onte –como fago nos sábados das últimas semanas– acudín puntual e civicamente á concentración convocada polos veciños que padecemos o calamitoso estado das rúas Illa Herbosa, Fontemoura e, principalmente, Río Xuvia. Levo catro anos vivindo aquí e a cousa a cada paso está peor. Só lembro ter visto un pequeno camión cargado con aglomerado asfáltico, ou similar, co que dous operarios, sen a penas medios, intentaban tapar, ou facer que tapaban, os cráteres dominantes na superficie que abarcan estas rúas. Á vista da cutremia empregada, era visto que aquilo que se estaba a facer non duraría máis aló das primeiras choivas. Foi así. Se mal non recordo, aínda gobernaba o PSOE. Mais, outro tanto do mesmo está a acontecer coa inmensa maioría das reparacións de fochancas que leva adiante esa marabillosa empresa contratada polo goberno do PP para ter “empatenada” a cidade. Velaí a rotonda da Praza de Galicia, lugar onde os buses deixan os turistas dos transatlánticos que recalan no noso porto, como tamén puiden comprobar onte cando baixei ó mercado despois da concentración.
De seguro que van levar unha magnífica impresión do coidadiña que está a cidade. E iso que van ó centro neurálxico, non á selva, ou algo peor, que habitan moitos cidadáns que tamén pagan os seus impostos. E non dixen pagamos porque eu vivo de alugueiro e deses asuntos, obviamente, se ten que ocupar o dono. Pero a cuestión de fondo é que tanto os propietarios como os inquilinos que habitamos vivendas na contorna das rúas citadas padecemos na mesma medida o diario deterioro dos pneumáticos, da pintura, da suspensión... dos nosos autos. Onde van os diñeiros recadados polo imposto de circulación? A facilitala e a mellorala por suposto que non. E menos no Cabalo Branco, termo que penso que se está a perder para denominar esta zona. Aínda existe a panadería chamada “El Caballo Blanco”, que nos remite a como lle chamaba a xente de sempre. Eu nunca antes vivira por aquí, mais meus pais tiñan un comercio na estrada de Castela –que para min era Faxardo– e se había que ir facer algún recado mandábante ó Cabalo Branco, todo o que estaba na outra beira do colexio das Mercedarias. Para min, neno pequeno, o do cabalo e, ademais, branco intrigábame moito. Nunca animal equino, así, branco, semellante ó “Silver” de “El Llanero Solitario” –serie televisiva nesa altura– hoxe de moda por un recente filme, atopei por alí. Anos andados, souben que eses topónimos que parecen aludir ós mamíferos ungulados non teñen nada que ver con eles. Tal é o caso do noso concello veciño Cabalar, onde miña mai foi mestra cando a miña infancia, que tiña xa daquela unha rapa das bestas. Esa asociación parecía lóxica: “lugar de cabalos”.  Pero non. Ten que ver con pedras. Se imos costeando de Ferrol a Cedeira temos que pasar polos Cabalos, unhas agullas que poden ser perigosas con marea alta se non se coñece a zona e na propia costa, neste caso do sur, atopamos a Punta do Cabalo de Fóra, que cita Méndez Ferrín nun magnífico poema do espléndido Con pólvora e magnolias: “No vento de mazán que se desfraga/nos cons e pedregullo solar/de cabo de Home e Punta do Cabalo de Fora/reclamo a libertade pró meu pobo”.
Do tema toponímico pódese falar moito, mais do que se trata e de que os coios e os pedregullos do Cabalo Branco desaparezan de vez e canto antes.

 

PELOUROS

Te puede interesar