Alcaldadas

|

Hai anos había en Ferrol o costume de cualificar de “alcaldada”, calquera “metida de pata” cometida por persoas de certa relevancia. Eis a definición que podería corresponderlle á intervención do alcalde de Baralla, co gallo das súas declaracións con referencia aos condenados a morte do franquismo, cando dixo que “algo farían para merecelo”. Agora seica que pensa “recuncar” de alcalde, co apoio do PP, ou por libre. O apoio dos populares non parece seguro, agora que asumiron no Parlamento a condena do franquismo e dos seus crimes, mais o respaldo dos veciños podería recolocalo na poltrona. En calquera caso, a súa reelección sería un exemplo máis da deficiente calidade humana de moitos individuos que, comungan coa idea de que “dos roxos non debería quedar nin a semente”. O de Baralla dixo que foi un erro e pediu perdón, pero non dixo que aqueles feitos foron crimes inxustificables. O que dixo pódeselle perdoar, mais o que calou, non ten escusa posible.

 

Alcaldadas