DON BENITO

Hai unha localidade pacense así chamada non lonxe de Medellín, onde nacera Florinda Chico. Florinda adoitaba cantar aquilo de: “¡Viva, viva Don Benito, como Don Benito no hay dos!”. Para rematar cun sonoro: “¡Viva, viva Don Benito, Don Benito Pérez Galdós!”. E con este Don Benito, con Galdós, ando a voltas cáseque decotío, porque decídín ler, en liña, os “Episodios Nacionales”. Agora veño de rematar “El equipaje del Rey José”, o primeiro da segunda serie, tan fascinado con este “episodio” como cos anteriores.

Proba de que Don Benito era un novelista “de tomo y lomo”, pero que, ademais, empregaba a Historia como adobío ou adorno das súas historias. Sempre como medio, xamais como fin (cal fan todos eses canfurneiros da novela histórica, tan prodigados hoxe). Eu lera con anterioridade e como é natural algúns dos “Episodios Nacionales”, mais aillados os uns dos outros. Descontextualizados, pois. Agora ando a facer o que fixera nos seus anos derradeiros aquela grandísima ferrolá, Loló Pérez Linos, ler un a un semellante proeza novelística do titán canario.

Para que logo nos falen da preguiza insular. Don Benito foi un xigante, un traballador absoluto. E a Don Benito (Badajoz) teño de volver, lembrar aquel outro Don Benito (aquí o topónimo si que non minte) que fundara esta cidade, capital de Las Vegas Altas. A unha carreiriña de can de Medellín, berce de Hernán Cortés, e unha das vilas máis fermosas de España.

DON BENITO

Te puede interesar