Falar extranxeiro

En agosto do 36 Aníbal Otero foi entregado polos salazaristas aos franquistas, acusado de espionaxe a prol da República Española, condenado a morte e logo encadeado trala conmutación da pena. A proba foron uns apontamentos en alfabeto fonético galegoportugués. É que a ignorancia das almas ruins foi sempre altamente perigosa. A trama podía fazer parte dun esperpento valleinclanesco ou dunha brincadeira e, porén, foi real. O lingüista meirense Aníbal andava a traballar no ALPI, o Atlas Lingüístico da Península Ibérica promovido por Menéndez Pidal cando o golpe. E a algarabitada dos feixistas nunca foi de enxergar moitos fonemas!.
O ALPI fora concebido como o mapa dos tres romances peninsulares, tendo en conta as fronteiras lingüísticas e non as político-administrativas, polo que o galego non podía, non pode, ser estudado arredado do portugués.
Por iso é que Aníbal Otero merece unha lembranza no Día das Letras Galegas.
Por outra banda ou pola mesma, cando finou Castelao e o esquecido arredista Xosé Abraira veu de viaxe a Galiza a seguir ligando a causa Nacional galega, foi visitar en Meira ao Aníbal. Conta no Informe que fixo á sua volta en Bos Aires, falando da Galiza dos anos 50, que o noso idioma é o único que se fala aquí á perfección pola totalidade das xentes, nas aldeas e cidades agás en Coruña e Vigo, onde se fala menos. En Vigo ainda así fálano os traballadores e a xente culta. Até o ponto, engade, de que cando en calquera parte de Caliza se escoita empregar o idioma do opresor, non há dúvida, trátase dun señorito tonto, que há moitos, ou denota a presenza de algo que non se desexa; un cobrador de contribución na aldea ou a fiscalía de taxas na cidade. Di Xosé Bieito que non falou en estranxeiro, isto é, en español, nen unha soa verba e ainda en ambientes señoriteiros contestáronlle en galego ao el porfiar. Porque falar estranxeiro con outro galego é idiota e cursi, prosegue, pero escrevelo é unha traizón á Causa. O idioma ten de ser o santísimo sacramento do ideal e traizoalo é traizoar a Galiza mesma.
Benigno Álvarez, dirixente do PCE galego, foi outro defensor da nosa lingua até o ponto de esixir un intérprete no IV Congreso de seu partido na Sevilla de 1932, conseguindo que un camarada do PC portugués exercera de intérprete das suas alocucións ao Congreso. Un portugués traducindo o galego do Benigno ao español e evidenciando así, que o galego e mailo portugués eran non mais que duas variedades dunha mesma lingua como podían selo o español e o arxentino. Há algo mais incrivel nos nosos tempos?.
Mas houvo outros esquecidos afervoados defensores das nosas letras. O arredista Fuco Gomes foi mais temperán ainda. Na Habana dos anos 20 dá ao prelo o livro Grafía Galega na procura dunha lingua culta. Recorrendo ao portugués como solución etimolóxica. Noutra obra posterior, A fala dos animás, de impresionante léxico de Becerreá, seu povo de nacencia, fabula encol da lingua a redor da sorte dun almallo ou becerro perdido no monte. Fuco rebélouse contra os dirixentes dos galegos en Cuba que rexeitavan a lingua. Participou en Nós, o primeiro xornal escrito en galego. Contava Neira Vilas, que o frecuentou, que Fuco vivía rodeado de fardelos de temas da nosa lingua. En Nacións Ibéricas, unha das suas 50 obras, tan agochadas por aqueles que enchen a boca coa palavra Galiza, defende o diferencialismo lingüístico. Será por iso, polo seu arredismo e seu achegamento ao portugués polo que no ano 2007, o Concello de Becerreá non autorizou que unha Rúa de Ouselle, onde naceu, levara seu nome por se “tratar dunha persoa descoñecida”?.Descoñecido o cofundador da segunda das Irmandades da Fala en Cuba con tantos ou mais militantes cós da Irmandade da Coruña?Descoñecido aquel adolescente que emigrara a Habana analfabeto e volverá tan culto que no 32 impartía clases de lingua e cultura galega aos nenos de Becerreá? Con razón fabulaba cun becerro perdido no monte!
Tambén A fouce, a voz dos pondalianos arredistas bonaerenses, asome a mais rexa defensa a prol da nosa lingua. Pois que xa no ano 26 avogan pola oficialidade do galego fronte á cooficialidade de moitos ainda hoxendia cando o galego segue a ser o convidado de pedra na cerimonia de metacrilato das letras mortas pola eutanasia pasiva e activa dun governo e un povo que acepta que unha lingua allea sexa unha obriga e a propria só un dereito á vértola do voluntariado lingüicida.
Lembremos aos esquecidos como un exemplo a seguir, e a cada ataque á nosa lingua, a cada cartaz das Asociación veciñais, culturais ou esportivas escrito en español, lembrémoslles que nos están a falar en estranxeiro ou agasallémolos co poema A Fouce esquencida de Cabanillas. Certos de que sen nós, sen o noso silenzo cómplice endexamais havería palavras de ferro nen peitos homicidas.

Falar extranxeiro

Te puede interesar