BR Y ER DE GUARDIA

Babor y estribor de guardia, ademais dunha fermosa e tradicional voz mariñeira, é unha situación operativa no réxime interior dos barcos da Armada española na que cada membro da dotación ocupa un posto previamente asignado de acordo co destino que desempeña a bordo. Máxima dispoñibilidade e atención de toda a tripulación para entradas e saídas de porto e para outras situacións, ás veces protocolarias ou mesmo de perigo que así o aconsellen. Todo o barco, de proa a popa, de quilla a perilla, disposto para a manobra en ámbalas dúas bandas.

Os homes, a partires de determinada idade, como os barcos, entramos en babor e estribor de garda

Dou en pensar que os homes, a partires de determinada idade tamén, como os barcos, entramos dalgún xeito, en babor e estribor de garda, atentos ao que está por vir e preparándonos para soltar amarras ou levar ancoras para abandonar a terra que é a vida e internarnos, avante toda, na mar infinita que é a eternidade.

Eu que xa estou nesa idade, teño na memoria todo o que deixei pola popa, a nenez tan feliz a pesares daqueles horribles anos da posguerra de Franco, os meus queridos pais e irmáns, os estudos, os destinos, os traballos, as mulleres, as fillas e as netas. Penso que nin todo o fixen ben nin todo o fixen mal, como a maioría da xente, pero si podo presumir de que por onde pasei deixei amigos para sempre. É este un tempo de reflexión mirando cara atrás sen xenreira, pero con nostalxia e co pensamento posto na viaxe a ningures que estou a piques de emprender. Estou, como digo, en babor e estribor de garda.

Para rematar, sacarlle ferro e amolecer estas liñas, dándolle un pouco de lustre a este apunte froito da saudade acaen moi ben as fermosas rimas gravadas no epitafio da cova de Antonio Machado no cemiterio de Collioure en Francia, onde morreu no exilio. Non me resisto a transcribilas aquí:

Y cuando llegue el día del último viaje y esté a partir la nave que nunca ha de tornar, me encontrareis a bordo, ligero de equipaje, casi desnudo, como los hijos de la mar.

BR Y ER DE GUARDIA

Te puede interesar