UCRAÍNA, CAMIÑO DA GUERRA CIVIL?

Semella que hai unha relación entre as visitas do xefe da CIA e do vicepresidente norteamericano, máis a concesión do crédito por parte do FMI ao Goberno golpista da Kiev, e o agravamento da situación na Ucraína. Sen dúbida, a reunión en Washington entre Obama e Merkel forma parte desta operación, xa que os Estados Unidos queren apertar os seus aliados.
A utilización do exército contra os civís, unha minoría armados, amosa que o que antes era un sacrilexio, agora é lexítimo cando o realiza un goberno amigo das potencias occidentais.
E mesmo que a escusa sexa que son obra do “Sector Dereito”, está claro que contan co aval de Kiev e das potencias occidentais, e que o acontecido en Odessa non é máis que a punta do iceberg do que está por vir no futuro.
Resulta evidente que os Estados Unidos séntense cómodos neste escenario. O seu control das comunicacións e da moeda dominante, permítelles utilizar estes medios para premer a Rusia e aumentar a dependencia da Unión Europea, mentres dan folgos ao complexo militar. O único límite é o da confrontación militar directa con Rusia. O acordo de Xenebra non foi máis que unha armadilla para amosar unha pretendida vontade pacífica, mentres que sobre o terreo gañaban tempo e dinamitaban a solución do conflito dando alento ás forzas máis belicistas.   
Todo fai pensar que a UE sairá mal parada deste conflito. Bruxelas está presa das súas contradicións, xa que por unha banda participa como segundona dos Estados Unidos (Afganistán, Iraq, Libia, Siria, etc. ), e pola outra participa como socia dos norteamericanos de estratexias depredadoras en medio mundo, e polo tanto necesita do seu poder militar e mediático.
Hoxe todo reflicte que este conflito fóiselle das mans, que máis unha vez Washington impón os seus intereses, e que Ucraína estase a precipitar na guerra civil.
E aínda que Kiev chegase a controlar militarmente a zona leste e sur do país, esta converteríase nunha área de inestabilidade e conflito nas fronteiras da UE. E isto terá consecuencias económicas e políticas no inmediato e a longo prazo. O mundo está a mudar con enorme rapidez. Analicemos polo miúdo esta nova etapa.

UCRAÍNA, CAMIÑO DA GUERRA CIVIL?

Te puede interesar