Medidas

Ninguén pon en dúbida  que esta pandemia e logo a “nova normalidade” puxeron moitas cousas patas arriba cambiando a nosa vida ata semellar estar vivindo nun pesadelo: primeiro estando na casa sen poder asomarnos ao exterior, despois saíndo pouco a pouco gardando unha serie de recomendacións que restrinxían a liberdade: una liberdade condicionada polas circunstancias. Había que tomar medidas diante de algo descoñecido e fóronse tomando, por exemplo o uso obrigatorio da mascariña en espazos abertos malia que se poida establecer a distancia interpersoal de dous metros. Coincide precisamente este segundo rebrote cun aumento notable de contaxios cando en teoría todos andamos coa máscara posta. Agora resulta que tampouco  se poderá fumar na rúa cando cientificamente non está demostrado que o virus cabalgue ao lombo do fume do tabaco transmitíndose máis así que cando exhalamos o ar ao respirar ou falar. Pero algo hai que facer porque non podemos permanecer sen facer nada e dar a impresión de estar a velas vir.

Dende febreiro pasou moito tempo e cando críamos controlada a crises sanitaria resulta que arestora estamos en números semellantes aos do principio da pandemia, con o virus reactivado nas residencias  de maiores, afectando desta volta a persoas de menor idade por una patente relaxación na xente nova. Así as cousas a medida de volver a pechar os establecementos de ocio nocturno, discotecas, etc, non tardou en chegar coa conseguinte intranquilidade para os empresarios do sector. Establecer un equilibrio entre os intereses económicos  e a comenencia sanitaria é unha misión case imposible. É verdade que este rebrote, esperado por outro lado, posiblemente colla aos hospitais máis previdos, pero  de seguir así as cousas o persoal sanitario pode chegar á saturación por traballo desbordado e intensivo.

Implantar o uso obrigatorio da mascariña, prohibir reunións maiores de dez persoas, establecer distancia interpersoal e agora prohibir fumar na rúa son medidas que á Administración non lle custa nada. Máis contratos, pero non de catro días, na Sanidade PúWWWWWWblica sería unha medida efectiva   para que os sanitarios puidesen descansar con quendas normais nun traballo ben organizado para unha mellor atención ao paciente. Pedirlles imposibles con aplausos as oito da tarde non é suficiente. E xa sabemos: o que algo quer, algo lle custa. A ver con que nos sorprenden agora. A ver.

Medidas

Te puede interesar