aexpresión popular que nos fala de que hai “gaiolas que andan atrás dos paxaros”, convertida nun retranqueiro, atinado e certeiro manifesto dende o espazo cultural dunha encomiábel revista galega de creatividade e pensamento, para alén do propósito que levou aos redactores do citado escrito a pronunciarse sobre o estado actual de autoritarismo, represión e ofensiva en contra de dereitos e liberdades básicos; é, mesmo tamén, unha metáfora sobre o cinismo institucional para coa Memoria Histórica Democrática, convertido en trampa contra os militantes da súa causa. Negar dotación orzamentaria no presuposto xeral é un chanzo máis na estratexia de acometida.
Porén, non é caso único, illado ou singular. Mágoa. Aquí, no ámbito parlamentario galego vén de manifestarse doutro xeito: Negar a demanda de esixir sexan anuladas as sentencias franquistas; antes proclamadas ilexítimas polo carácter desa natureza que viciou aos tribunais da ditadura; tal é a consideración da lei que formalmente busca “verdade, xustiza e reparación” a favor das vítimas. Bo é tomar prestado, do mencionado manifesto, a consideración de que aquí, e agora, “o principio de separación de poderes semella cada vez máis un eufemismo da Santísima Trindade: Tres persoas e un só Deus verdadeiro”. Velaí o argumento do portavoz parlamentar do partido gobernante facendo defensa dunha peculiar consideración de “seguridade xurídica” para afastarse dun pedimento que, o mesmo partido político, ten asumido sen reparo noutros ámbitos territoriais.
Búscase o silencio, agochar novamente unha realidade incómoda que pon en evidencia a existencia dunha cuestión non resolta, corenta anos após da morte de Franco: A ferida continúa aberta pola teimosa actitude do poder gobernante en non pechar axeitadamente a recuperación da memoria de dignidade á que teñen dereito ás vítimas da represión e as súas familias, á par da reparación moral; e, impartindo pedagoxía dos valores democráticos, facer deste dereito colectivo muro sólido para a non repetición. A diario topámonos con todo o contrario do que é preciso facer.
Di, Mark Twain, con fina ironía que “é grazas á bondade divina polo que no noso país gozamos destes tres bens de inconmensurábel valor: a liberdade de palabra, a liberdade de conciencia e a prudencia de non pór en práctica ningunha delas”; cita na reiterada declaración que serve para invitar á cautela diante do momento de afloramento dun franquismo que aínda fica aquí. Mais, a lembranza das vítimas non é un paxaro que poda engaiolarse.