Refugallo

Levo preto de corenta anos vivindo en Caranza. Acotío, cando o tempo o permite, arredor das nove da mañá saio a pasear. O meu non é nin footing, nin jogging nin running. A miña ruta é o paseo do mar, cousa dunha hora ou hora e media se inclúo o espigón onde está o porto deportivo e volta ao meu castelo azul despois de recoller o periódico nun quiosco da rúa Lepanto.
Tódolos días chama a miña atención durante o recorrido a gran cantidade de contedores de lixo, estratexicamente situados e sempre cheos a rebordar o que pode dar unha idea equivocada do xeito de vivir que desfrutamos hoxe en día. Xunto a eles, a xente deposita gran cantidade de refugallo que non é o mesmo que lixo. Refugar, segundo o Xerais da Lingua é deixar sen aproveitar cousas non aceptadas por consideralas sen valor ou sen utilidade, refugallos son, mesas, cadeiras, radios, lámpadas, alfombras, colchóns, libros, roupa, xoguetes, reloxos....etc en aparente bo estado que só precisan un pequeno amaño ou unha doada limpeza en moitos casos. Abofé que con todo o que teño visto, podería despois de reciclados, amoblar un pequeno apartamento. Seica estamos na época de usar e tirar, agora nada se amaña, perdeuse a arte e o gusto por rehabilitar, de recompoñer as cousas. O que non funciona tírase sen máis e cómprase novo que para iso están as grandes superficies e sobre todo os chinos tan de moda hoxe. Sucede que, a miúdo, se mercan cousas con moita menor calidade que as que refugamos. E iso sen falar do valor sentimental que, polo que se ve, hoxe non se ten en conta. Aquel reloxo de parede que pertenceu ao avó ou aquela cadeira onde se sentaba miña nai por poñer algún exemplo. 
O peor é que este desapego polas cousas materiais estase contaxiando tamén ás persoas, cada día máis. ¿Que facer cos vellos cando inevitablemente se converten en refugallo, sen valor, sen utilidade e sen posibilidade de rehabilitación?.¡Tempos foron!, e se non acordádevos do monte Taygeto na antiga Grecia.
Como algo curioso teño que contarvos que o outro día sorprendeume un home metido dentro dun contedor, ¡que xa é difícil!, apañando non sei que cousas que ía metendo nun coche que tiña ao seu carón. Aínda que quedei moi intrigado, non fun quen de preguntarlle que raio estaba a facer en situación tan incómoda e por riba de todo tan noxenta

Refugallo

Te puede interesar