Verán negro

|

Din que o verán é unha das épocas do ano na que se le máis. Os lectores empedernidos aproveitan  os días de descanso para dedicarlle aínda máis tempo ao libro, mentres pola súa banda se incorporan a este delicioso hobbie outros que por diferentes razóns durante o ano non o adoitan facer. Sen ningún ánimo de pretender ser un experto en materia literaria, pois son un simple consumidor de libros; si me gustaría recomendarlles unha serie de obras escritas en galego de varios autores autóctonos que sen dúbida ningunha os farán pasar uns deliciosos momentos. Entre os meus preferidos quero recomendarlles ao xa coñecido Domingo Villar e as súas obras “Ollos de Auga” e “A Praia dous afogados”. Ámbalas súas obras tamén editadas en castelán. Xa nos tarda a moitos a saída da súa terceira novela, a cal parece que se lle atragantou. Tramas de novela policíaca nas que destaca o contraste irónico dun inspector aragonés coa retranca galega en estado puro. O seu primeiro interrogatorio a unha señora de aldea supón todo un “choque cultural”, no cal, obviamente gaña a nosa paisana. Un dos meus autores preferidos é sen dúbida ningunha, Pedro Feijoo. Se xa de por si é moi boa a súa primeira obra “ Os fillos do Mar”, recentemente traducida ao castelán por Espasa; aínda me gustou máis a súa segunda historia “A Memoria da Choiva” unha historia de asasinatos co fondo histórico da figura de Rosalía de Castro. Se algo destaco deste autor, ademáis da construción de historias moi documentadas, é o seu intelixente sentido do humor. Finalizo este artigo falándolles de Elena Gallego Abad e a súa primeira incursión neste xénero literario coa súa obra “Sete Caveiras”. Elena Gallego xa publicara a triloxía Dragal “O Dragón Galego”, destinada a un público máis xuvenil, e proximamente será traducida e editada en lingua inglesa. Feito que como galego me comprace. En “Sete Caveiras” desenvolve unha historia de asasinatos ambientada en Vigo, no que o único fío condutor é a aparición dun “Click de Famobil”. Pero como a casa hai que comezala polos alicerces, estes días estou a ler “Crime en Compostela” de Carlos Reigosa; novela publicada en 1984 e que é considerada a nai da denominada “Novela Negra Galega”. Só un último consello, compren libros en galego. Non vos defraudará.

 

Verán negro