CAVILANDO APÓS O RESULTADO

Era necesario que o PP deixase de gobernar o concello de Ferrol. Así se expresou a maioría dos electores. E non só pola forma de actuar a nivel local, senón tamén polo rexeitamento que provoca a súa política estatal e autonómica de graves consecuencias para as maiorías sociais e para pobos como o galego. Por iso, estas eleccións municipais tiñan un relevo político especial, malia a participación popular non só non medrar senón diminuír.  Compartimos plenamente o desexo maioritario sobre a necesidade dun goberno alternativo, diferente. Por suposto, comprendemos e respectamos os resultados  no que atinxe ao que se denominaba oposición. Porén, gostaría de facer algunha pequena reflexión.
Está claro que a alcaldía de Ferrol vai recaer nunha opción electoral que se presentou como expresión do que agora se chama nova política, co recurso a un envoltorio para o consumo do agrado dunha parte importante da sociedade. Pasado o proceso electoral, aparece e preséntase pora uns como unha cobertura de IU, por outros como a expresión do espírito de Podemos e hai quen intenta facela debedora de Anova…Desde logo, os eleitos son todos militantes de partidos e sindicatos cuxas políticas contan cunha vella tradición na cidade. Nada que obxectar. Só parece ser indicativo do alto valor que se lle dá á aparencia, á camuflaxe, a unha certa banalización da política, un pouco lonxe da racionalidade informativa.
Domina unha concepción mediática, conforme a modas que non son inocuas. Debo confesar que me desasosega, no contexto dunha sociedade que se di democrática e informada, escoitar versións diferentes sobre a orixe de determinadas candidaturas “cidadáns” na Galiza: de feito atribúense a Podemos as de A Coruña e Compostela, polo menos, na Sexta, coa aquiescencia do Sr. Errejón, sen que ninguén o desminta aquí.  Non sei se aos electores lles é indiferente saber a ciencia certa o que e a quen votan.
En todo caso, os resultados indican que, para derrotar o PP, non se necesitaba a unidade orgánica e electoral de toda a esquerda. Só fai falla, a disposición a pactar para a alcaldía non caer en mans do PP, e entre os que teñen maior peso electoral articular un goberno con base nun programa de mínimos desde o pluralismo.
Está claro que os resultados do nacionalismo galego en Ferrol son dignos, tendo en conta que foi quen de manter a súa representación, nun contexto de fondo  desfavorábel e cunha nesgada intoxicación en forma de enquisas co obxectivo de conformar un estado de opinión derrotista. Non o conseguiron porque, de facto, foi a oposición máis contundente que tivo o PP na institución e na rúa. Para unha parte da veciñanza, que coñecía de perto  o papel do BNG, a adhesión estaba baseada en feitos. Non era produto da imaxe nin da propaganda, tampouco entraba na consideración de nova política.
A propia campaña e os debates, para quen quixo ver e ouvir, axudou a constatar que o seu programa estaba baseado no coñecemento da realidade, que a súa candidatura non era precisamente endogámica e que o seu cabeza de lista era unha persoa preparada, de dialéctica coherente, e coñecedor dos problemas. É unha forma de facer política que pretende basearse na interacción entre a presenza institucional e a sociedade. Para o nacionalismo foi sempre este o único camiño. E desde logo, as urnas non parece que lle teñan outorgado a responsabilidade de gobernar.
Ábrese, pois, unha nova etapa. Ferrol é unha cidade con graves problemas e moi condicionada negativamente  polo Estado. O novo goberno municipal ten moitos retos e decisións que tomar. Urxe lograr unha mudanza radical de comportamento por parte da Administración Central. Na esixencia desta mudanza, a posición comprometida do nacionalismo está garantida. O peor que podería facer o novo goberno, en vista da dificultade, é acomodarse ao deseño existente.

CAVILANDO APÓS O RESULTADO

Te puede interesar