Pistolas

No meu anterior apunte xa vos falei da peregrina, e moi perigosa, idea de armar aos españois. Hoxe quero volver sobre o tema abondando no meu rexeitamento e tratando de razoar polo miúdo sobre as consecuencias de tan pouco asisada proposta.

Tódolos xornais fanse eco criticando as verbas, de xulgado de garda, de Santiago Abascal presidente de VOX, reivindicando para tódolos españois o dereito, seica democrático, a utilizar armas de fogo, disque para defenderse. Esperemos que este cabaleiro nunca chegue a ocupar postos de responsabilidade no goberno, porque si é así, que Deus nos colla confesados.

Non vou a falar aquí das declaracións nin sequera da filosofía de VOX só dicir que esa nova formación vai moito máis alá que a chamada ultradereita de toda a vida. Non hai máis que ver quen e quen nas súas filas e a procedencia dos seus seareiros. A onde queren levar o país en pleno século XXI? Por riba, esta xente non é consciente de que cos seus postulados, declaracións e saídas de ton, non fan máis que darlle á oposición razóns, forza e argumentos que ao final se traducen en votos?

En un país como o noso, de xente ao que lle ferve a sangue no corpo, non é difícil imaxinar o que sería a convivencia cotián si se chega a aprobar o uso das pistolas. Parouse este home a pensar que delitos tales como crimes, vinganzas, secuestros, abusos sexuais, atracos a man armada, agresións por un quítame alá esas pallas, violencia de xénero, etc, todos eles xa bastante numerosos por desgracia, serían moito máis doados de cometer se tal barbaridade se leva a cabo?. E xa non falemos de que significaría un paso atrás na imaxe e mesmo no creto do noso país no mundo enteiro.

“Eu tiven unha única vez unha pistola. Trocaralla a un compañeiro penso que por uns selos, con ela dérame tamén seis ou sete balas. Fai disto máis de cincuenta anos e xa entón estaba obsoleta. Nunca disparei nin uha soa vez con ela. Ollando aquel escuro e sinistro trebello dei en matinar canta xente habería matado e mesmo rematado durante a incivil guerra e acabei por collerlle xenreira. Non daba co xeito de desfacerme dela ata que un bo día, navegando fondeeina xunto coas balas no máis profundo do mar Mediterráneo ao mesmo tempo que dicía en voz baixa, mentres vía como se afundía no mar, “o que é ti, non volves a matar a ninguén”. 

Só entón fiquei satisfeito e relaxado porque, entre outras cousas, é ben certo ese aforismo que di que as pistolas as carga o demo, .......e as dispara o diaño.

¡Que o teña moi en conta o sr Abascal!

Pistolas

Te puede interesar