Centro de interpretación

|

Imos facer un pouco de historia sen entrar en detalles. No ano 1997 foi catalogado e protexido o xacemento de Cadoval de Punta Promontorio en terreos anexos á empresa Reganosa que é a que sufraga as escavacións e a recompilación das mostras acadadas no xacemento que data dos séculos I ao V da nosa era, unha vila romana cuxos habitantes posiblemente dedicábanse ao comercio marítimo. Era evidente que por mor da ampliación da área operativa da empresa íase esnaquizar este xacemento e algo había que facer para que, cando menos, todo ese legado histórico fose recuperado aínda que non fora no seu natural emprazamento. Constitúese un triunvirato formado pola Xunta, Concello e Reganosa e póñense mans á obra na posta en marcha dun Centro de Interpretación nuns terreos á beira do Camiño do Cemiterio, parcela que abarca uns 10.600 metros cadrados. Din que Reganosa proporciona ao proxecto 2.500.000 euros, o Concello eses terreos que son de titularidade municipal e a Xunta, pois a verdade, non sei en que medida contribúe. En calquera caso as obras están rematadas e Mugardos xa conta cun Centro de Interpretación que vai poñer á vila no mapa dentro das localidades que contan cunha infraestrutura cultural de primeiro orde. Perfecto, e agora que? As perspectivas e intencións apuntan a que a inauguración deste complexo cultural e museístico vai ter lugar este ano do que xa transcorreron seis meses. Se un achégase ao complexo verá un gran enreixado coa lenda “Xacemento de Cadoval” e a contorna medio invadida polas herbas que crecen e ameazan con invadir o Centro. Todo está preparado, as doce mil cincocentas pezas colocadas coma un puzzle no seu sitio en disposición para que o público goce da súa contemplación dentro dunha estrutura arquitectónica valente e atrevida. Perfecto, e agora que? Cal é o seguinte paso? Xa temos Centro de Interpretación, pero como vai ser xestionado? Demos un paso importante pero queda se acaso o máis difícil. O normal sería que a xestión deste museo-mausoleo a leve a institución pública co que iso significa nestes tempos no que o público recúa cedendo espazo ao privado. Din que Reganosa, a parte de achegar máis de dous millóns e medio ao proxecto, xestionou a obra o que espero non signifique a posterior explotación do complexo por parte dunha empresa privada. 
 Confeso que son partidario afervoado da presenza na vila deste Centro de Interpretación en contra doutras opinións que aseguran que isto é unha pataca quente para o Concello, que será un problema porque é necesaria unha dotación de medios materiais e humanos para o seu correcto funcionamento e que vai ser difícil manter un complexo como este en orde e operativo. E non lles falta razón aos que así pensan, pero eu que quer que lles diga, son optimista e creo que o Xacemento de Cadaval será algo positivo e moi importante para a vila que se vai converter nun lugar de referencia para todos aqueles interesados da historia que viran a estudar este xacemento reconstruído pedra a pedra. Haberá que buscar agora os medios para a súa posta a punto. É unha labor de xestión, un gran reto para os políticos que son os que xestionan o público e unha ilusión grande para os que cremos que somos consecuencia histórica dos que antes andaron por aquí. Oxalá todo isto non quede tan só nunha infraestrutura, nun mausoleo ao que puido ser e non foi.
 

Centro de interpretación