Bonita tarde de sol na Costa Caparica. Despois da case necesaria estancia -curta, iso si, porque o sol primaveral adoita ser traidor- nunha parte case solitaria da inmensa praia o corpo pede meterlle un algo. E que mellor que un bo café expreso coa correspondente e rica auga gaseada Pedras Salgadas? Procuramos, pois, zona habitada e un café. Para distraerme, mentres unha amable e agradable rapaza preparaba os pedidos, púxenme a observar a máquina do café. Italiana , como non, e amplamente ilustrada con colaxes que poñían Bellissima, nome claramente italiano, mais que non me soaba para nada asociado a unha cafeteira. Picoume a curiosidade e comecei a mirar e remirar e, cando xa estaba por lle preguntar á rapariga o nome da marca, batín cunha placa máis pequena onde poñía Faema, nome para min moi coñecido desde a infancia porque aló polos anos cincuenta e sesenta, cando eu era moi afeccionado ó ciclismo, patrocinaba un importante equipo deste deporte, formado, básica e curiosamente por profesionais españois e belgas. Faema foi, en 1959, o primeiro equipo comercial que gañou a Vuelta Ciclista a España por equipos. Ou nas filas de Faema estaba Angelino Soler (“El Meteoro de Alcásser”), o corredor máis novo en gañar a Vuelta. Por Faema andaron ciclistas españois de certo nivel como os irmáns Gómez del Moral, Antonio Suárez ou Manzaneque, se ben os máis renomeados anunciantes da marca cafeteira foron, sen dúbida, Julio Jiménez (“El Relojero de Ávila”), gañador de tres títulos de mellor escalador na Vuelta a España e doutros tantos no Giro de Italia e, sobre todo, Federico Martín Bahamontes (“El Águila de Toledo”), vencedor do Tour de Francia en 1959 e vencedor en seis ocasións do gran premio da montaña no Tour de Francia, en dúas na Vuelta a España e nunha no Giro, alén de ser campeón de España en ruta... E que viña sendo Bellissima? Descubrino nun momentiño, cando serviron as consumicións: unha marca de café. Alí estaba estampado, de novo, o nome nas tazas e pratos. Un meu cuñado ten hai máis de trinta anos un negocio fundamentalmente de venda e reparación de cafeteiras, unha marca en exclusiva. Hai ben anos que me ten contado que cada vez vende menos máquinas, xa que os establecementos hostaleiros din que lles resulta máis rendible que lla poña unha marca calquera de distribución de cafés a cambio de mercarlle os produtos en exclusiva durante un tempo determinado. E será así, porque en Portugal tamén debe acontecer o mesmo, se ben o nome do produto a consumir case oculta a marca do aparello encargado de preparalo. Din que son cousas da globalización, mais, se cadra, non o sei, sono máis da explotación, da rapina que nos rodea e asedia permanentemente.
Sexa como for, para os que somos amantes do café, puro, sen leites nin edulcorantes de ningún tipo, Portugal –como tamén Italia, faltaría máis– é un lugar excepcional para degustar taciñas e taciñas. En xeral é muito bom e a moi bo prezo. Case a metade do custo de aquí e nada que ver en sabor e calidade.