AXunta sen que se saiba moi ben o motivo decide pagar 300.000 euros a Enrique Iglesias por catro postais galegas que saen nun vídeo dunha canción do rapaz. Non sei se é moito ou pouco, pero convertida en pesetas son máis de 50.000.000, o cal xa me parece moi caro para a consabida cantinela da austeridade que leva o PPdeG predicando tantos anos. Por exemplo, o famoso Audi de Touriño custou 460.000 euros e foi mal vendido por menos da metade cando Feijóo chegou a Xunta, e iso que xa era patrimonio dos galegos e una vez feito o gasto pois habería que usalo e non comprar outro coche, como tampouco sería lóxico que se tirasen os mobles do despacho do pasado presidente e se comprasen outros.
Pero se o automóbil oficial e a reforma das dependencias da Xunta non eran máis que investimento en Galicia, o do vídeo do cantante de Miami paréceme un dispendio innecesario sobre todo porque non vai reverter nada en Galicia. Só hai que pensar que o fillo de Julio Iglesias ten un público determinado, os adolescentes, que de momento hai que supoñer que non teñen capacidade adquisitiva para vir a pasar o verán a estas terras do fin do mundo. Ademais nin se sabe que esas imaxes promocionais están rodadas en Galicia e aínda que se coñecese non tería ningunha transcendencia económica para o conxunto dos taberneiros galegos.
Hai un ano estiven de turista nunha zona internacional recoñecida mundialmente, desas onde sae máis barato pasar quince días, incluído un voo transoceánico, que estar un fin de semana nun balneario galego. Un día levaba unha t-shirt das compradas aquí que levaba impresas unhas letras que facían referencia ao equipo de béisbol de Minnesota, en vez de poñer Puro Chourizo Galego, por exemplo. Aos poucos minutos de lucir a prenda unha vaga de deformes estadounidenses viñeron falar comigo a preguntarme de que parte dese estado era do cal o único que coñecía era ao personaxe de Minnesota Fats, interpretado pola gran Jackie Gleason, da película “O buscavidas”.
Ninguén dos meus interlocutores dos EUA entendía que non sendo de alá levase posto algo que o dixese e por moito que me esforzase en declamar que era galego non se cría e máis co meu sotaque ou modo de falar inglés daquela maneira. Así que cando me preguntaban en que parte dos Estados Unidos estaba Galicia sinalaba que ao outro lado do océano Atlántico, que para eles viña sendo Puerto Rico ou o Brasil.
Loxicamente non volvín poñer esa camiseta, pero espero que desde a Xunta se me valore a publicidade que fixen durante doce horas desta terra, cantando as súas virtudes, unha por unha, até tiven que negar o desastre do petroleiro “Prestige” cando algún soubo del e tiven que agochar a nosa paixón polo polbo cocido e outros cefalópodos e todo feito gratis aínda que serían ben recibidos os dez euros que me corresponden como galego que paguei polo vídeo de Enrique Iglesias