Programas e promesas

|

Estamos de novo metidos na voráxine doutras eleccions e os partidos políticos reactívanse tratando de convencer á cidadanía das bonanzas dos seus programas poñendo en marcha unha serie de actividades que non diverxen case nada das empregadas desde que hai eleccións en democracia. É coma se a imaxinación chegase a un límite insuperable. Así as cousas un bota de menos nos comicios municipais un proxecto para os pobos, vilas e cidades; un  plan afouto para que as cousas cambien a mellor, para darlle un volco positivo ao estado real dunha realidade estancada. Mentres tanto  atopámonos con propostas discontínuas que non deixan de seren maquillaxes moitas veces producto da improvisación. Aqueles con anteriores responsabilidades de goberno propoñen cousas que tiveron ocasión de resolver e non  solucionaron e non só iso senón que deseñan plans para eliminaren actuacións emprendidas e nalgúns casos rematadas por anteriores corporacións sen reparar nos suculentos gastos que isto conleva, que saen do peto do pobo contribuínte. Nestas campañas séguese a utilizar o afiche nun tempo no que iternet e medios de comunicación chegan a todos os lados, faise buzoneo porta a porta na mesma circustancia, repártense folletos pola rúa e convócanse mitines que só serven para se presentar diante dos militantes co gallo de darse un pequeno baño de “minoritaria” multitude cos seus seareiros e nada máis. Todo isto no canto de confrontar programas, de debater proxectos, de ofrecer á cidadanía propostas decididas para cambiar de verdade o rumbo das cousas, de adoptar determinacións valentes que se diferencien doutras porque se miramos  de vagar as propostas en xeral veremos que hai poucas diferencias nos tons do enfeite. Así as cousas un porfía en que gañe quen gañe imos ter máis do mesmo e iso sería un fracaso democrático pois moitas veces o trunfo está nunha aposta decidida polo cambio cousa que semella intimidar ao electorado, a un electorado proclive a pensar que é mellor seguir como estamos a arriscar con outras opcións. Si é verdade aquela máxima que di que o poder corrompe, debéramos ter coidado en non dárllelo a aqueles que xa están enquistados nel, aos que decidiron que a política fose o seu modus vivendi sexan edís, alcaldes, presidentes autonómicos, de goberno ou deputados. Séino, non se pode xeneralizar, pero coidadiño, coidadiño a quen damos autorización para decidir sobre a nosa vida e facenda pois diso depende o noso futuro. Nunha semana sairemos de dúbidas. 

Programas e promesas