QUE DIN OS RUMOROSOS O 20 DE NOVEMBRO

Eu non sei onde situar Parvónia no mapamundi. Non sei se será un reino de ananos ou unha república imaxinaria. Mais a Galiza há ser como pouco veciña de porta de Parvónia con toda seguranza. Pode que non haxa povo no mundo con máis complexo de inferioridade co galego, con menos conciencia de seu, con menos orgullo de tribo a non ser nas baiucas polas festas do patrón. E noentanto, non há povo que máis se gave na publicidade. Non somos quen de falar e defender o noso espírito de supervivencia que é a nos lingua con afouto cotiá. Non somos quen de unirmonos políticamente como nacionalistas para defender o noso en ningún o foro nen parlamento. Non sabemos vender a nosa abondosa riqueza natural sen intervención allea intereseira. Non somos quen de vivir ecoloxicamente das nosas rías, ecosistemas senlleiros no planeta... Vivimos de escravos dos máis dentro e fóra da nosa terra e triunfamos polo mundo adiante en canta empresa há mentres aquí morremos á miñoca! Cando criticamos á televisión galega dicímoslle a telegaita, como se o son máis noso, o noso espírito identitario, a gaita, (que a dizer de Rosalía non se sabe se canta ou chora), fora un instrumento de segunda, indigno de conservatorio. Cando queremos aldraxar a alguén alcumámolo de can de palleiro nun autoodio de orixe de tribo, rural e autárquica, allea ao pedigrí dos mercados e dos concursos caninos. Porén fachendeamos da publicidade dun mercado que ao fin descubre o can de palleiro como raza autóctona que nada ten que envexar ao Gos datura dos pirineos, ao mastín leonés ou ao cao da Serra da Estrela do Alénmiño.
Porque os galegos somos así, miñaxoias que precisamos que veña alguén de lonxe a nos chufar para podermonos aceptar como somos!. Há algo máis triste e máis nocivo para un povo?. Há algo máis vergoñento que sendo Galiza a nai de Portugal e de toda a lusofonía teñamos que agardar a que veña Aline Frazão, a poeta, a reclamarmonos a galeguía, no canto de lusofonía, como termo máis acaído aos povos irmandados por unha lingua común?. Cando cruzamos o Miño, cantos galegos há aínda que seguen a falar castelán!.
E se non nos queremos nós, se non acreditamos nas nosas posibilidades como nazón de seu, se estamos sempre dubidosos, acanourados, se andamos de pisamainiños, como pisando ovos. Cómo imos sobreviver nun mundo de infinda agresividade onde os menos competentes, os menos capaces andan máis que sobrados de complexo de superioridade?.
A castración de doma do reino da Galiza deixounos este espírito derreado, eslombado por séculos e séculos de alleamento e persecución. Mais xa é tempo de deixar o pranto e coller as doces harpas de Breogán! 
Que din os rumorosos? Que o Parlamento galego aproba aínda hoxe, que se recoñeza a orixe galega dos produtos do mar. Maxinemos o parlamento neozelandés fazendo o proprio cos seus kiwis. Grazas a esta proposición de lei, os galegos enterámonos de que a normativa da Unión Europea divide os seus mariscos e peixes entre augas portuguesas e a badía de Biskaia!. No medio de entrambas há un oco, un buraco tamaño do que naceu nada menos que o condado de Portugal. É Galiza, non a Galitzia polaca senón a nosa!. Pola cobiza de seus mares e mariscos foi que se fixeron os comboios de alta velocidade, daquela maneira, pero se fixeron. Foi polo seu mar que se artellaron as autovías, os viaductos. Foi pola especulación das súas costas, pola calidade dos seus montes e madeiras, polo leite e o carne das súas vacas, polas súas minas de ouro e wolframio... que se comunicou o país para tirar as súas riquezas a mellores portos e bancos. E nin así merecemos que o noso mar e marisco teña orixe galega?. 
Que din os rumorosos o 20 de novembro?. O mesmo día que finou o ditador sen patria?. Que han dizer senón  continuar a clamar en deserto pola nosa memoria, polo noso acordo dese longo sono no que seguimos debruzados!. Que din os rumorosos, se cairon os guerreiros dos pinos, se o arume harpado mudou en fouze de mortífera parca eucaliptal!. Que van dizer os rumorosos perante a entrega da grande Cruz da orde do infante Don Henrique a Feijóo por parte de Portugal!. Onde é que governa a nobre Lusitania de Pondal á que lle tiñamos que tender os brazos amigos?. Merecen os povos seus governos?. 
Imaxino ás vezes a resurreción de Pondal camiñando as rúas das nosas cidades e abraiado ao ver ese spot de cervexa co verso de seu himno. Imaxínoo a cavalo polas rúas, porque Pondal non levaría carro, de seguro. Parvo na Parvónia, á procura desa raza briosa de Ousinde e de Froxán. Coa orella posta na escoita dese rumor xigante, dese intrépido sonido das armas de Breogán. E volvendo, de contado, para a cova ao comprobar encabuxado en qué vimos a dar os galegos, nesta tribo feble de individualistas e choromicas, de avergoñados de si mesmos, de regalados ao poder máis alleo!. Iso si, coa fachenda dun spot de can de palleiro polo nadal para venderllelo na sétima avenida aos parvónios doutros pagos. 
Que din os rumorosos? Que van dizer, que dese cárcere no que fecharon o dolme de Dombate non podía saír nada bom!
 

QUE DIN OS RUMOROSOS O 20 DE NOVEMBRO

Te puede interesar