E se fose eu?

|

O pasado 7 de outubro, data que desde que teño uso de razón sempre me resultou moi familiar, simplemente porque é a do día en que nacín, o presidente de Ciudadanos ía tomar no aeroporto de El Prat un avión con destino a Madrid. Xa que logo, como todos os pasaxeiros, tiña que someterse ás preceptivas medidas de seguridade previas ao embarque. Como é sabido, ademais dos sistemas de control que xa veñen de vello, desde hai un tempo hai unha proba, que din aleatoria, que consiste en que che pasan unhas tiras de papel polas mans, a roupa e a equipaxe que logo meten nunha máquina que detecta substancias non permitidas. Sempre que preguntei, dixéronme que restos de explosivos ou de drogas. Non sei se será así, como tampouco estou seguro de que sexa tan aleatorio como din, porque con moita frecuencia me toca. Aínda que, en principio, me dá igual, porque non adoito manipular substancias deses tipos. Mais, acéndese a luz e... premio, tocouche. E iso é o que lle aconteceu ao señor Rivera hai tres semanas. Ah, pero don Albert decidiu non someterse á proba. Disque seguindo o mandado dos seus escoltas, que, como todo o mundo sabe, son policías nacionais que pagamos todos nós. Sorprendeume a noticia desta vulneración da lei por parte dun prócer da patria, amparándose, ademais, en que o que fixo non foi máis que seguir as instrucións da súa escolta, porque tiña a certeza de que a Policía Nacional estaba para cumprir a lei e para facer que se cumpra.
Por iso, non me cadra moi ben que o secretario xeral de Ciudadanos, José Manuel Villegas, un señor, que, non sei por que, sempre me pareceu un bocadiño sinistro, quixese zanxar o episodio protagonizado polo presidente do seu partido asegurando que este non quixera saltarse ningunha regra. Simplemente seguira as instrucións da Policía Nacional, dos seus escoltas.
Ao meu modesto entender o que tiña que facer o señor Rivera é cumprir a lei e non atender ao que lle poida dicir ninguén. Se se acende a luz, pois a facer o que facemos todos e non hai máis que falar. Co que lles teño ouvido sobre o asunto a estes señores que aspiran a gobernar xa me entran seria dúbidas acerca de se realmente coñecen a Constitución, concretamente o artigo 14, ese que di que os españois son iguais perante a lei... Aínda que, se cadra, onde eu entendo todos, eles entenden que algúns son menos iguais que outros.

E se fose eu?