Ávista da últimas decisión xudiciais, sen entrar no aspecto legal da cuestión asunto para o que doutores ten dabondo o mundo da xudicatura, dende a óptica do cidadán observador non pode haber máis grande decepción especialmente polo balbordo xornalístico e de opinión pública que arrodeou aos casos máis afamados. Probado queda que o corpo doutrinal do Código Penal non está ben axustado. Acordouse para quen “rouba unha galiña” no canto dos que se apropian de millóns de euros do erario público. Cruel é a malleira que lle están dando á decencia deste xeito.
Coa sentenza aos procesados na causa das tarxetas negras e fiscalmente opacas dunha das grandes entidades bancarias, salpicando a canta cor política pasou polo goberno; coa decisión de acordar prisión eludíbel sen precisar mesmo fianza e outorgando confianza para residir fóra do territorio controlado, no popular “caso Nóos”; coa coacción, atraco domiciliario centrado na documentación acusatoria e finalmente cesamento, á maneira das purgas, dun dos fiscais destacados na investigación de casos de corrupción que afectan á presidencia dunha comunidade autónoma gobernada pola mesma forza política que tamén o fai no ámbito estatal; non é fácil, non, soster o discurso que aposta pola honradez, a moralidades e a decencia. Abofé que non.
Se, ao antes dito, engadimos as noticias que fan referencia á misteriosa aparición de lapis de memoria informática nun caixón abandonado, en sé policial; á existencia de mandatos que piden ás forzas da orde pública para que, ás agachadas, empreguen o método da patada na boca, evolución técnica da mordaza imposta á liberdade de expresión; ben podemos concluír que o aniversario do Tejerazo, neste 23 de Febreiro, non é lembranza dun intento fracasado de alterar o réxime democrático se non que é constatación do éxito, en diferido, daquela operación.
Por iso, o anuncio feito pola NASA de ter atopado un sistema solar, por nome Trappist, con planetas semellantes á Terra; é expectativa dun universo alternativo por máis que, na hipótese de ser habitables, chegar ata eles ocuparía miles de anos. De súpeto, sete mundos aparentemente dispoñibles, iso por non asumir a retranca dun chío na rede: “Se chega a ir miña nai, seguro que aparecen o dobre”. Velaí, esperanza de que poda chegar vida intelixente dende alí, aínda que de ser así, con certeza pasaría de longo á vista da malleira que aquí está a recibir a decencia.